Perlío no pasado

Redacción.-

Sabemos que os libros, aínda que pequenos en tamaño, son capaces de gardar nas súas páxinas universos enteiros. Do mesmo xeito, un pequeno territorio, apenas unha parroquia galega pode darlle abeiro a unha gran historia e ser o xermolo dunha das industrias máis importantes do país e do Estado, Astano. “Perlío no pasado” é o nome do volume que recolle fitos, datos, anécdotas, persoas, imaxes e toda canta memoria se conserva dese lugar do municipio coruñés de Fene. "O último capítulo é a rotura da Ponte das Pías, cando colidíu o Discoverer Enterprise, e empeza co castro de Cardoeiro, onde está a Igrexa de Perlío", sintetiza María Xesús Arias, unha das autoras do volume. A obra busca financiamento solidario para a súa edición a través da plataforma web Verkami.

"Os datos máis remotos de Perlío aos que chegamos na nosa investigación son do século XI, mais esa altura non era o que hoxe entendemos territorialmente falando", explica Arias. A partir de aí detállase a evolución física e social da poboación, con atención á transformación demográfica. Habitaban en Perlío 159 veciños a mediados do século XIX. Dos anos 40 ao 60 do século XX, "o estaleiro de Ramón Aguilar véndese a Astano e multiplícase a poboación". Faino de xeito exponencial, chegando a haber máis de 1.500 residentes na parroquia.

Esa sociedade fenesa asóciase e dinamízase a través do Círculo de Perlío que, devagar, nos anos 70 vai transformar as súas actividades de lecer nunha programación de impacto cultural: "Vas vendo os libros de actas de quen pasou por alí e é incrible", explica María Xesús Arias, destacando o paso de autores galegos como Eduardo Blanco Amor ou Uxío Novoneyra.

A recadacións das achegas solidarias en Verkami para "Perlío no pasado" adicaranse a financiar á impresión da obra e sufragar o envío do libro a todos os doadores.

14 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión