Velada literaria con Darío Villanueva

Redacción.- O filólogo Darío Villanueva, actual secretario da Real Academia Española, disertou onte pola tarde en Vilalba sobre a conmemoración do tricentenario da entidade, "unha celebración inescusable", nas súas verbas, atendendo a que anteriormente determinadas circunstancias históricas -tanto en 1813 como en 1913- impediron levar a bo termo o aniversario da RAE. 

O acto tivo lugar a partir das 20:30 horas na Casa da Cultura de Vilalba, onde se deron cita máis de cen persoas para escoitar a conferencia do académico, que foi presentado por Mario Paz González, co-editor do noso xornal, e por Manuel Roca Cendán, membro da xunta directiva do Instituto de Estudos Chairegos "Pena do Encanto". Entre o público, ademáis de vellos amigos, veciños e familiares do protagonista da velada,  derónse cita numerosas caras coñecidas: o alcalde Xerardo Criado Guizán, os representantes do PSdeG-PSOE e do BNG, Eduardo Vidal Baamonde e Félix Jorquera Caselas; o ex-presidente do Parlamento de Galicia, Xosé María García Leira; o deputado popular Agustín Baamonde; o presidente da Coral Polifónica Vilalbesa, Alfonso Baamonde García; os poetas María Xosé Lamas, Martiño Maseda e Uxío García Amor, varios membros das directivas das entidades organizadoras do evento e outras persoas de fora da bisbarra que non quixeron perder a oportunidade de escoitar o verbo fácil do académico e ex-rector da Universidade de Santiago de Compostela.

Fundada en 1713 por Juan Manuel Fernández Pacheco, a Real Academia deu o pistoletazo de saída á programación conmemorativa o pasado 26 de setembro, coa inauguración da mostra "La lengua y la palabra", instalada na sede da Biblioteca Nacional en Madrid. Os eventos continuarán en 2014, coincidindo tamén co tricentenario da Real Cédula outorgada por Felipe V, considerada "o verdadeiro documento fundacional da institución", como lembrou onte Villanueva. 

21 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión