VIII Xornadas do Fondo Galego

Redacción.-

Co título 'Comunicación e cooperación internacional' desenvolveranse na Deputación da Coruña as VIII Xornadas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o vindeiro 10 de decembro, coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos. A asociación municipalista vén organizando este tipo de encontros desde hai case unha década para reflexionar sobre as distintas problemáticas que afectan ao sector. Desta volta, os debates centraranse na relevancia da comunicación para construír un mundo máis xusto. Profesionais de diversos medios, como Periodismo Humano ou Praza Pública, pero tamén ONGD, académicos, políticas, fotógrafos como Gabriel Tizón ou Rober Amado e mesmo un xornalista caboverdiano participarán nas mesas.

Teresa París, presidenta do Fondo Galego en representación do Concello de Redondela, presentará as xornadas canda a vicepresidenta, Isaura Abelairas, do Concello de Vigo; a tesoureira, Pilar Gallego, do Concello de Allariz, e mais un representante da Deputación da Coruña. A charla inaugural sobre 'As estruturas e os desequilibrios da información mundial' correrá a cargo do profesor da USC Luis Álvarez Pousa, que dará logo paso á mesa 'A Linguaxe, como construímos a realidade internacional? Do subdesenvolvemento ao Caso Cooperación'. Lorena Seijo, xornalista con experiencia en países do Sur; Rebeca Mateos, de Periodismo Humano e Amnistía Internacional, e mais Félix Soria, primeiro correspondente de La Voz de Galicia en Bruxelas, intervirán nesta primeira ronda.

'As Imaxes, como retratamos o mundo?' é o tema da segunda mesa redonda, na que participarán Helena Capera, técnica da Coordinadora Galega de ONGD, e os fotoxornalistas Gabriel Tizón e Rober Amado. Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas; Susana Alvite, vicepresidenta de Agareso; Silvia Camesella, colaboradora do Igadi; David Lombao, director de Praza Pública; e Rubén Santamarta, redactor da sección de internacional de La Voz de Galicia, falarán das 'Experiencias de comunicación en Galicia. Hai espazo para a cooperación internacional?'. O encontro pecharase coa 'Ollada desde o Sur' que vai achegar Vlademiro Almeida, do xornal caboverdiano Expresso das Ilhas. Trátase dun dos integrantes da delegación africana que percorrerá diversos concellos ao longo da semana, no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde, para visibilizar a cooperación desenvolvida polo Fondo Galego no país lusófono durante máis dunha década.

As VIII Xornadas 'Comunicación e cooperación internacional' desenvolveranse entre as 9.30 e as 14.30 horas na sala Juanjo Gallo. A asistencia é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. O encontro conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Xunta de Galicia e da propia Deputación da Coruña.

Programa das xornadas

5 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión