Ramón
Chao.- Saiban cantos isto lean, que Vilalba (Lugo) non é de Fraga nin moito
menos de Rouco Varela. Máis o sería de Antón, personaxe ficticio xurdido do maxín
de Bernardo Cendán; mellor aínda, Antón somos todos os nados neste lugar de
Galicia cuxo nome non podemos esquecer.
Este crego progresista é unha referencia vital básica para os convencidos
de que a realidade vai máis aló do tanxible; para os que saben que a vida dun
ser humano é o que un percibe, non só o que todos ven. O mundo interior e o
exterior non son compartimentos separados e diferenciados. O pensamento crea
realidade, é realidade. A Cervantes non o consideramos máis auténtico que a Don
Quixote. Incluso o escudero vive máis entre nós que o seu creador.
Bernardo sabía que os personaxes irreais existen máis que os corpóreos.
Nunca dubidou das fazañas de don Quixote e Sancho, aínda que ignorase a vida de
Cervantes, tal como os seus propios biógrafos indican. E as biografías, ademais
das propias referencias persoais, son tamén os escritos.
A vida de Bernardo desenvolveuse primeiro en Vilalba, lugar do seu
nacemento, e en Mondoñedo, onde foi ordenado sacerdote tradicionalista. O seu
xiro cara ao progresismo operouse en Meudon, parroquia de Rabelais, onde en
1551 este escritor intuitivo bosquexou os seus personaxes Gargantúa, Pantagruel
e outros, hoxe máis vivos que nunca, e de cuxa existencia ninguén se decatou
antes.
Na parroquia de Meudon tamén frecuentou ao pai André Aubry,
terceiro-mundista que percorreu media América Latina ata establecerse en
Chiapas (México). En San Cristóbal, Aubry creou o Instituto de Estudos Mayas,
organismo básico para a actividade do Exército Zapatista dirixido polo
subcomandante Marcos, cuxo principal conselleiro foi el.
Sen dúbida en Meudon Bernardo descubriu que só existe un camiño. O de
sempre, da xustiza e a igualdade para todos. Comprendeu que non temos pegadas
para seguir; que a vía terá que facela cadaquen, tenaz e ledamente, cortando a
sombra do monte e os arbustos enanos que desordenan o bosque. Agora entendo que
Bernardo desdeñara os amores dunha monxiña francesa que abandonou hábitos e
convento por el, o que tanto lle reprochei. Preferiu a soidade en Vilalba, os
seus paseos nocturnos aos que lle obrigaba o seu pertinaz insomnio, as súas
charlas interminables con todo fillo de veciño. Desas charlas saíron estas
seiscentas páxinas cheas de observacións pertinentes e afectivas.
____________________________
Cartas a
Antón, de Bernardo García Cendán
Prólogo de Agustín Fernández Paz.
Editado en febreiro 2014 polo Instituto de Estudos Chairegos.
572 páxinas (en galego), 20 euros
Prólogo de Agustín Fernández Paz.
Editado en febreiro 2014 polo Instituto de Estudos Chairegos.
572 páxinas (en galego), 20 euros
0 comentários :
Danos a túa opinión