Redacción.- Os xornalistas Ricardo García Vilanova e Javier
Espinosa recollen hoxe en Ferrol o X Premio José Couso de Liberdade de Prensa,
que comparten co reporteiro Marc Marginedas. O galardón está organizado polo
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de
Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’.
Marc Marginedas, que non puido
asistir a entrega en Ferrol por problemas de axenda, enviou un vídeo no que
agradece o premio e salienta que "os que verdadeiramente son os
protagonistas do drama sirio son os cidadáns". Marginedas afirmou que para
el, este premio é un "incentivo" para seguir sendo reporteiro en
países en conflito e onde a liberdade de prensa está en perigo.
Nunha rolda de prensa posterior á recepción
institucional no Concello da cidade departamental, celebrada está mañá, Ricardo
García Vilanova e Javier Espinosa expresaron expresaron a súa gratitude por
recibir "un premio que leva o nome dun compañeiro que morreu por
informar". Espinosa denunciou que "a precariedade está redundando na
ausencia de información dos conflitos" e lembrou que máis do 90 por cento
da información en Siria está realizada por freelances. Pola súa banda, García
Vilanova expresou a esperanza de "que o premio sirva para tomar conciencia
do que está a acontecer en Siria".
O acto comexou coa intervención do
vicepresidente do Club de Prensa de Ferrol, Xoán Rubia, quen afirmou que
"é unha satisfacción" ter chegado até a décima edición do galardón.
Rubia quixo destacar tamén que a entrega do José Couso aos tres reporteiros en
conflito "quere premiar e valorar o sacrificio que supón o traballo destes
profesionais"
A continuación, Xosé Manuel Pereiro, decano do
CPXG, salientou que "cos premiados nesta décima edición, o Couso volve
ás orixes, dado que non hai que esquecer que Couso era un freelance e que cada
vez hai máis xente que traballa á peza, tamén nos países en conflito".
Pereiro manifestou a súa convicción de que "o sentido do premio non é que
tiveran a mala sorte de ser secuestrados, senon que estean alí onde os necesitamos
a pesar de que desde o punto de vista económico non paga a pena.
No acto tamén estiveron presentes o alcalde de
Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen reiterou "o agradecemento da
cidade" porque Ferrol sexa sede do premio e se sumou "unha vez máis á
demanda de xustiza" da familia de José Couso, e o director territorial de
"la Caixa" en Galicia, Marc Arthur Benhamou, que afirmou que é
"un orgullo" para "la Caixa" participar na organización do
galardón e destacou que "se premia a tres persoas que desenvolven un traballo
duro e difícil".
Os tres xornalistas premiados foron presentados
de forma conxunta en recoñecemento ao seu traballo e á difícil labor de
informar nestes momentos en Siria, con mención especial a Vilanova polo seu
traballo como freelance sen ter a cobertura dun gran medio detrás.
Ricardo García Vilanova (Barcelona 1972) é un
video e fotorreporteiro freelance que leva quince anos traballando como
fotoxornalista. O seu traballo publicouse nos xornais e revistas máis
prestixiosos do mundo e expúxose en varias capitais do mundo. Recibiu premios
en Europa e Estados Unidos e traballou como reportero gráfico para CNN, Channel
4, Reuters, APTN, Euronews, Cuatro, Telecinco e TV3; ademais de colaborar con
organizacións como Nacións Unidas, o Comité Internacional da Cruz Vermella,
Human Rights Watch, Médicos sen Fronteiras e Médicos do Mundo. O pasado 16 de
setembro foi secuestrado en Siria por un grupo vinculado a Al Qaeda, xunto co
seu compañeiro Javier Espinosa. Ambos foron liberados recentemente.
Javier Espinosa é enviado especial do xornal El
Mundo ao conflito sirio. Nacido en Málaga en 1964, iniciou a súa carreira
xornalística en Canarias e desde 1994 publica en El Mundo. Na súa etapa como
correspondente en México, cubriu informacións como o caso Pinochet ou o
conflito de Chiapas. Despois da súa experiencia americana regresou a África
como correspondente en Marrocos, desde onde cubriu todos os grandes
acontecementos do continente negro. En 1999, permaneceu 48 horas secuestrado
polos rebeldes de Sierra Leona e en 2012 estivo atrapado na cidade siria de
Homs.
Marc Marginedas, pola súa banda, naceu en
Barcelona en 1967, e estudou Xornalismo na Universidade de Navarra (1990) e
Relacións Internacionais pola Universidade de Amsterdam (1991). Comezou a súa
traxectoria profesional hai 25 anos como corresponsal en Argelia. É redactor de
El Periódico desde xullo de 1992 e na actualidade exerce como enviado especial
en zonas de conflito, como Irak, Afganistán ou Siria. Foi secuestrado nos
arredores da cidade de Hama o pasado 4 de setembro e foi liberado o pasado 2 de
marzo.
Con García Vilanova, Espinosa e Marginedas xa
son dez as edicións do Premio das Ás Ceibes. Ademais deles, os outros gañadores
do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le monde Diplomatique (2006), Jon Lee
Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel
Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011), o Consejo de Informativos da
RTVE (2012) e Mónica García Prieto (2013).
0 comentários :
Danos a túa opinión