Consellos de guerra contra o clero vasco

Redacción.-

O IESCHA organiza, en colaboración coa Editorial Intxorta 1937 kultur elkartea, o acto de presentación do libro “Consejos de Guerra contra el clero vasco (1936-1944). La iglesia vasca vencida” do que é autor Anxo Ferreiro Currás (Boizán-Vilalba, 1935).

O evento terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba o venres 25 de abril ás 20.30 horas e contará coas intervencións de Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA; Xosé M. Felpeto Enríquez, vogal do IESCHA; Antonio Domínguez Martínez, sacerdote do equipo pastorial de Vilalba; e Anxo Ferreiro Currás, autor do libro.

Anxo Ferreiro colgou os hábitos en 1992 e foi “o coñecemento da realidade da Igrexa católica durante os escuros anos do franquismo”, nos que sufriu a represión sendo cura, o que o empurrou a escribir este libro apoiado pola documentación dos Consellos Sumarios de Guerra pertencentes ao Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol. Tras unha laboriosa investigación construíu este relato narrado de xeito moi emotivo ao recordar “sacerdotes vencidos, asasinados, encarcerados, desterrados e exiliados”.

O libro, de 525 páxinas, xa foi presentado recentemente na Coruña, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e anteriormente tamén en Madrid, Bilbao e Durango, entre outras cidades.

24 de abr. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión