Cursos de verán de lingua e cultura

Redacción.-

Os Cursos de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras e españolas de fóra de Galicia veñen celebrándose de maneira interrompida desde o verán de 1988. Nos primeiros anos foron organizados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A partir de 1993 a devandita Dirección Xeral (hoxe Secretaría Xeral) estableceu un convenio coa Real Academia Galega (RAG), a través do seu Seminario de Lexicografía, e coa colaboración do ILG, para as tres institucións organizaren conxuntamente uns cursos que teñen como finalidade proporcionarlles ás persoas participantes a oportunidade de se familiarizaren coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia.

Estes cursos están dirixidos a alumnado e profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, o vinculado aos centros de estudos galegos das universidades de fóra de Galicia, aínda que están abertos a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.

O programa dos cursos inicial e medio consta de clases de comprensión e expresión escrita e oral. O programa lectivo desenvólvese de luns a venres, en horario de 9:30 a 11:30 horas. Polas tardes haberá clases prácticas, en que se traballará sobre todo a lingua oral, de 16 a 17:30 horas. O curso superior de lingua e literatura galegas constará de catro seminarios, que tratarán sobre os seguintes temas: problemas de lingüística galega; textos e autores da literatura galega contemporánea; formación e historia social da lingua galega; variación e cambio lingüístico no galego actual.


Ao mesmo tempo, están programadas actividades de ampliación cultural, que constarán fundamentalmente de conferencias sobre literatura, historia e outros eidos da realidade sociocultural de Galicia, así como a proxección de películas e documentais. Estas actividades realizaranse de maneira conxunta para o alumnado de todos os niveis, de 12 a 13:30 horas.

Durante estas semanas tamén se levarán a cabo diversas actividades complementarias de carácter cultural e, se as dispoñibilidades económicas o permiten, xornadas completas de inmersión lingüística e cultural en comarcas de interese cultural e paisaxístico.

O profesorado dos niveis elemental e medio está formado por persoas especializadas en lingua galega, investigadoras do ILG e dos Seminarios de Lexicografía e de Gramática da RAG, con experiencia no ensino da lingua. O curso superior será impartido por profesorado do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (unha parte son tamén investigadores e investigadoras do ILG e membros numerarios da RAG).

Ao longo de todos estes anos os Cursos de verán de lingua e cultura galegas serviron, nuns casos, para poñer en contacto e, en moitos outros, para afondar no coñecemento directo a moitas persoas estranxeiras e españolas de fóra de Galicia, que tiveron ocasión de enchouparse na lingua e na cultura galegas durante unhas semanas intensas. Moita da xente que pasou por estes cursos segue en contacto coa cultura e coa lingua galegas, e en bastantes casos mesmo segue vinculada académica e profesionalmente con algún aspecto de Galicia.
Estes cursos contribuíron de maneira moi importante a que hoxe a lingua e a literatura galegas teñan presenza en moitas universidades non só de Europa, senón tamén de América, Asia e Australia, e serviron de impulso para o estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo. Esa presenza internacional, xunto cos moitos centos de persoas de moi diferentes nacionalidades que se expresan con toda naturalidade e normalidade en galego cando visitan Galicia, constitúe tamén un factor moi importante de prestixio para a nosa lingua e para a nosa cultura, e por tanto un elemento de normalización moi relevante. A nosa experiencia de todos estes anos é enormemente enriquecedora e motivadora, e esta iniciativa constitúe un orgullo tanto ILG coma para a RAG.

Un ano máis, afrontamos a realización dunha nova edición destes cursos coa mesma ilusión dos primeiros anos, mais tamén coa seguridade de que os froitos serán, de novo, merecentes de todos os esforzos que fagamos tanto o equipo de dirección coma o profesorado e todo o persoal colaborador, entre o que figurarán, como é habitual, relevantes figuras da lingüística, dos estudos literarios, da cultura e da arte de Galicia.

Folla de inscripción aquí.

18 de maio de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión