García Hermida e as Irmandades da Fala

Redacción.- Onte tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba a charla-coloquio "As Irmandades da Fala e o seu tempo", a cargo do ensaísta e filósofo Antón Baamonde, que foi presentado polo xornalista Moncho Paz. O acto, organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, contou coa asistencia de máis de sesenta persoas e celebrouse no marco do ano de Antonio García Hermida (1885-1939), como foi declarado o presente 2014 polas dúas entidades convocantes, en honra ao polifacético autor vilalbés, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento.

Baamonde comezou a súa disertación lembrando que en Galicia "existe certa tendencia a esaxerar o carácter rural do país e a esquecer a importancia das vilas que, no caso concreto das Irmandades da Fala, tiveron un papel preponderante". A continuación, fixo unha contextualización do período histórico comprendido entre o 16 de maio de 1916, día no que se crea en A Coruña a irmandade Os Amigos da Fala Galega, e o 5 e 6 de decembro de 1931, datas da fundación en Pontevedra do Partido Galeguista, no que ingresan tras a súa disolución todas as irmandades superviventes e demais organizacións nacionalistas afíns.

De seguido, lembrou que con elas iniciouse e consolidouse en Galicia, en todos os planos, o paso da fase rexionalista á nacionalista. Unha proporción considerable da súa actividade se dedicaba a organizar cursos galego, conferencias sobre historia, literatura, arte, mostras, xogos florais e moitas outras actividades encamiñadas a defender a lingua e a cultura galega.

O filósofo e ensaísta vilalbés apuntou que as Irmandades da Fala estaban integradas "fundamentalmente por intelectuais e membros de profesións liberais (xornalistas, médicos, notarios e avogados), así como por representantes da pequena e mediana burguesía industrial e comercial, como era o caso do meu avó, Antonio García Hermida, secretario da Irmandade da Fala de Vilalba".
_______________
Foto: Chema Felpeto

24 de maio de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión