Antón de Guizán.-
"¿E que pensades facer coa liberdade que reclamades?". A resposta sería tan longa que non pode ser formulada por un home, porque a liberdade pedímola para unha nación, e os anceios d-un povo son infinidos no tempo; pero, ademáis, non se lle pode conceder a ninguén o dereito de interpelar con semellante pregunta a unha nacionalidade privada de vivir a súa vida. Castelao (Sempre en Galiza).
Os galegos asistimos desde hai anos á paulatina perda de apoio electoral do nacionalismo, en cantidade de votos, en representatividade institucional e en apoio social a pesares da estructura creada en ambitos como o sindical, cultural, asociativo etc.
Lonxe de facer unha analise profunda do que pode ser un proceso de descomposición co resultado próximo ou lonxano cara ao residualismo, o nacionalismo galego leva anos facendo analises engañosas dos sucesivos resultados, maquillados deliberadamente en parte por intereses internas de control de estructuras partidarias, e en parte por unha tendencia histórica a pensar que o país está equivocado, negando calquer posibilidade que poda supoñer un descoñecemento ou falta de adaptación á realidade do país que se di defender.
Cal é logo a consecuencia da perda continuada de apoios, causas sempre esóxenas e interesadas? ou serán esas as coartadas perfectas para o inmobilismo, control do aparato politico e permanente xustificación do continuado retroceso?
O país semella alonxado da que debera ser a plataforma natural de defensa dos seus intereses, ben por etiquetas fomentadas polos rivais e medios de comunicación, pero alimentadas polo propio mundo nacionalista con actitudes distantes e mesmo initelixibeis para os propios galegos, o sectarismo, a autoexclusión, o elitismo ideoloxico...
Sen querelo, o nacionalismo tense adentrado nun proceso politico tan galego como o minifundismo, parcelandose a si mesmo con limitacións para si e para os galegos como a definicion de esquerda, espazo ocupado por organizacións estatais, un nacionalismo restrictivo que limita o ambito de representatividade politica no millor dos casos a douscentosmil votos e unha tendencia patoloxica a prescindir de referentes historicos e sociais.
Desta maneira, o nacionalismo limita o seu ambito de influencia politica e social porque renuncia a ser unha opción lexítima, diferenciada e libre, supeditado sempre a acadar maiorías para gobernar, ou a estar abocado a pactos e apoios previsíbles coa esquerda estatal.
Neste escenario, os galegos optan por propostas lexítimas e non por sucedaneos, e non o perciben como unha opción real de poder, sinon como un complemento.
Galiza precisa de unha opción politica autocentrada no país, integradora, que supere as dinámicas importadas nas que se prioriza a contradicción "esquerda-dereita" por diante da contradicción "Galiza-Estado" no seu ambito máis amplo, precisa de unha forza con vocación maioritaria, de poder, co obxectivo de acadar o pleno goberno e a independencia, desde a moderación e a modernidade.
Non é posible representar e defender os intereses de Galiza sen o apoio dos galegos, polo que hai unha necesidade urxente de refundar o nacionalismo galego (non só unha forza politica) porque non só nos xogamos a pervivencia de un instrumento politico sinon que nos xogamos a pervivencia do país.
O nacionalismo debe refundarse para acadar a confianza maioritaria dos galegos con unha profunda reformulación mesmo de premisas "intocabeis" ate hoxe, e preconceitos que o levaron a unha situación de coriente elitista, pura, pero a cada paso máis minoritaria agás contadas excepcións locais.
So unha pequena parte da sociedade galega é "nacionalista", pero unha parte maioritaria da sociedade galega se considera "galeguista", uns conceptos que non deberan estar distanciados pero que semellan confrontados.
O galeguismo histórico, heroico polo que supuxo de recuperación da identidade propia e o orgullo dos galegos como país diferenciado, acuñou un termino e uns compromisos que elevaron a Galiza ao nível de recoñecemento de Euzkadi e Catalunya no contexto do estado, hoxe deturpado polos partidos estatais, pero que aínda pode atraer á maioria dos galegos polo ben común.
Supostas adecuacións a realidade politica, lecturas falseadas da realidade e mesmo a formulación de novas alternativas desde premisas socialdemocratas, centro, centro dereita ou esquerda, estarán abocadas ao fracaso cando a sociedade demanda formulas imaxinativas e comprometidas cos cidadáns, cos galegos e galegas castigados pola crise en maior medida que o resto do estado, con unha alta taxa de desemprego, unhas baixas pensións uns salarios máis pequenos e un empresariado abandonado pola banca e as administracións cando resultaría necesario para rexenerar a nosa economía productiva.
Con este panorama, Galiza precisa máis que nunca, de unha forza que orgullosa do país e que acredite das súas propias potencialidades, pero que ademáis de dignificar a historia do galeguismo e nacionalismo, inicie un camiño novo e valente, renunciando si é preciso a corsés que poidan supoñer un lastre para o seu crecemento por riba de visións nostálxicas, poñendo por diante unicamente os intereses do país e desbotando formalismos, demagoxia e diferenciando intelixentemente táctica e estratexia politicas co obxectivo de acadar a maioría social e politica de Galiza.
Calquer plantexamento restrictivo e excluínte, con discursos endogamicos e que non teña vocación maioritaria, falta de referentes, encabezados por persoas de demostrada incapacidade e numerosos fracasos, lonxe de contribuir a un futuro esperanzador, rematará enterrando esperanzas.
Non creo, polo tanto que haxa aínda unha verdadeira proposta ilusionante para a maioría social, que recupere a esperanza perdida, coa que podan sentirse identificados todos os galegos e galegas e co que iniciar un proceso de salvación do país primeiro, e de acadar despois a súa independencia nesta Europa desnaturalizada pero coa posibilidade aínda de reformularse comprometida cos seus cidadáns e as súas nacións.
Mentras, os galegos, os galeguistas, seguimos agardando unha forza para construir o país, para todos, para nós.
...ningún galego “iñora que a súa “terra”é Galiza, pero non todos identifican a terra coa nación,...
Castelao (Sempre en Galiza).
Said
En Cataluña, e tamén en Euskadi hai esquerda nacionalista e hai dereita nacionalista. Non parece que tal cousa sexa unha dificultade, parecen gozar dunha aparente boa saúde. Tanto a esquerda nacionalista vasca como a catalana. Parece que Galiza necesitara dunha excepción o feito de que hai xente con pensamento de esquerdas e xente de dereitas, tamén dentro do nacionalismo. Teño a sensación de que se pretende que ante o enésimo fracaso na teima de crear un espacio conservador nacionalista, pídeselle a esquerda nacionalista que deixe de selo pra adicarse a ocupar ese espacio. Un traballo de ilusionismo político puro e duro. E destinado o fracaso.