Xoan Xosé Fernández Abella.-
HOME DE FE
Home sinxelo e sabio, dunha inmensa cultura,
dun corazón moi san, plenamente galego,
filósofo, teólogo, biblista, sen apego
de presunción algunha, que así é por natura.
Con fe iluminadora, moi rexa, limpa, pura,
-non hai lugar pró engano neste ilustre chairego-,
percorre a Biblia enteira, con exemplar sosego,
cun humanismo inmenso, comprensión e fondura.
Ten unha fe de amor, esperanza e xustiza,
unha fe regalada e na razón sostida,
unha fe que xamáis, como fe, dogmatiza.
Ten moi presente a Historia para entende-la vida,
da relixión cristiá. Na Historia profundiza
e sabe achar na Historia a luz apetecida.
GALEGO UNIVERSAL
Alto honor de Vilalba e de Galiza
é o que dimana de Xosé Chao Rego,
o noso ilustre e loitador chairego,
no peito sempre a arela da Xustiza.
Coa súa conduta á xente galeguiza,
e aínda nos di que renaceu galego,
el fainos renacer co seu achego,
coa súa galeguidade non postiza.
Libros da auga e lume, e do misterio,
e da muller, da variedade humana,
da nosa Lingua... Páxinas gloriosas!
Pola súa riqueza soberana
queda no corazón seu maxisterio,
con sinais permanentes e vizosas.
Os Tilos, 30 de xuño do 2.014
0 comentários :
Danos a túa opinión