Xosé Manuel Pacho.-
O teatro como metáfora do mundo. O mundo como metáfora dun teatro. A crítica, porque só dende ela, dende a análise con reflexión das cousas que nos pasan, podemos aprender. E universal, sinxelamente porque o que nos pasa a nós tamén lles pasa a outros, e o que lles pasou a outros posiblemente nos pasará a nós.
Así concebiu Frei Jerónimo Feijoo o seu Teatro crítico universal. Unha obra que vén ser unha crítica, como tan ben explica no seu primeiro prólogo ao lector, das opinións e dos erros comunmente aceptados por todos. A súa obra mítica consta de oito tomos que foron saíndo da imprenta dende 1726, ano en que se publicou o tomo primeiro, ata 1739, no que saíu do prelo o derradeiro.
Feijoo era un monxe beneditino, isto sábeo moita xente, pero tamén era un ilustrado, algo que coido que non se acaba de comprender na súa magnitude. O de ser monxe beneditino explica a razón pola que podía ser absolutamente relixioso no campo da relixión, e absolutamente empirista nas demais áreas da comprensión do mundo. Como sinalou Pilar Allegue, esta orde relixiosa diferenciaba moi claramente os dous campos: o da relixión e o da ciencia. Así, deixaba ao César o que era do César, e a deus o que era de deus, como se recolle no Evanxeo (Mateo, 22). Deste xeito Feijoo e tamén o seu discípulo Sarmiento podían ser ortodoxamente relixiosos e heterodoxamente libres no demais.
E Feijoo tamén era ilustrado. Ser ilustrado na actualidade non se entende moi ben. Pero para resumir direi que a Ilustración creou a sociedade moderna, a democracia, a liberdade, a igualdade de homes e mulleres, a procura dos dereitos para todos. Por iso, ser ilustrado é sobre todo ser moderno. E Feijoo era moi moderno… Non hai máis que ver os seus textos. Tan actuais, tan axeitados a unha sociedade e a unha xeografía como a nosa, onde o único que podemos agardar é que se siga sobrevivindo a si mesma.
O Teatro crítico é a pulsión dun home, a vontade dun intelectual por mudar os designios da súa sociedade, do seu mundo. E ese mundo, necio, ignorante, tramposo, falso, indigno, é o noso mundo.
As reflexións de Feijoo son no noso país as reflexións de Gracián, de Sarmiento, de Jovellanos, de Cadalso, de Giner de los Ríos, de Ortega, de María Zambrano… Pero son tamén as de Erasmo, Pascal, Montaigne e moitos e moitos outros que quixeron ollar ao seu redor e loitar para mudar as cousas.
Produce hilaridade comprobar como os mesmos que recibirían as críticas de Feijoo son agora os que pretenden tomar as súas reivindicacións, as súas bandeiras. Poida que sexa este o signo de figuras como as do pai mestre, adiantarse trinta, cincuenta, cen anos ao seu tempo.
O noso mestre alaricano nacido en Casdemiro e asturiano de adopción falou de política, de literatura, de física, de filosofía e de relixión, dos dereitos das mulleres, de matemáticas, de repúblicas e monarquías, das artes e das glorias de España, da historia e dos libros políticos. De moito do que poidamos imaxinar e ata do inimaxinado.
Lonxe fican xa os seus críticos, que a historia foi borrando, pero que tentaron con todas as súas forzas e poder acabar co insigne intelectual. Feijoo deixa constancia disto xustamente no prólogo, no limiar, do tomo cuarto do seu Teatro crítico universal. Así, diríxeo contra o lector ignorante e malicioso dos seus libros.
Atopamos estatuas de Feijoo en poucos lugares en Galiza. En Allariz, terra da súa familia, atopamos un fermoso busto que nos anos sesenta fixera Failde. E en Samos, foi Asorey o encargado de realizar a estatua do gran intelectual alá polos corenta. E en Ourense hai unha estatua de Feijoo que, como metáfora, define moi ben a nosa sociedade. A súa imaxe está cuberta, case comida, polas árbores que o foron agochando, como a nosa sociedade, onde a súa forma de pensar, onde o sentido crítico e o pensamento libre teñen que loitar contra todo para saír adiante.
Pero sabemos que o futuro é deles, deses cidadáns libres da república do saber, da república das letras, porque son eles, cos seus soños, os que crean o noso presente.
0 comentários :
Danos a túa opinión