Redacción.- O auditorio da Casa-Museo
Manuel María, no corazón da vila de Outeiro de Rei, acollerá este venres 21 de
novembro ás 21 horas un concerto da cantante Uxía. Trátase do primeiro dos “concertos
íntimos” que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos organizará a
partir de agora periodicamente na Casa de Hortas, espazo natal do autor de Terra
Chá, dentro dunha máis ampla programación de actividades culturais dirixida
a todo tipo de públicos.
As entradas para este
concerto teñen un prezo de 5€ e pódense reservar anticipadamente a través do
correo electrónico fundacion@manuelmaria.com ou do teléfono 698 177621, opción
recomendábel dado o aforo limitado do espazo e o bo ritmo ao que xa van as
reservas.
Uxía estará acompañada na
súa actuación polo brasileiro Sérgio Tannus á guitarra, do tamén brasileiro
Paulo Silva na percusión e do galego e ex-membro de Berrogüetto Santi Cribeiro
ao acordeón. Nun lugar tan especial como a que foi a antiga palleira da casa
natal de Manuel María -hoxe auditorio da Casa-Museo- Uxía interpretará temas do
seu disco Andando a Terra, un traballo construído a partir de textos do
poeta de Outeiro de Rei que a Fundación Manuel María lanzou á venda xuntamente
co poemario Os lonxes do solpor, que permanecía inédito, e o audiovisual
De amor e cantería, que resultou ser premio Mestre Mateo ao mellor
documentario creativo concedido pola Academia do Cine Galego. Ademais dos temas
de Andando a terra, Uxía interpretará tamén algunhas das pezas máis
célebres do seu repertorio.
A Fundación Manuel María de
Estudos Galegos bautizou este ciclo que se inicia coa actuación de Uxía co título
“De corazón a corazón. Concertos na intimidade”. Segundo o seu
secretario, Alberte Ansede, “Non son concertos ao uso, pois pretendemos darlles
un formato diferente. Desenvolveranse nun ambiente absolutamente íntimo que
mesmo facilitará o contacto persoal e a interacción entre os artistas e o
público”. “Todos e todas acabaremos cantando”, asegurou Ansede, “e no caso de
Uxía, será particularmente emocionante evocar a Manuel María no mesmo epicentro
da súa intimidade poética”.
Uxía xa acompañou musicalmente
a xornada inaugural da Casa-Museo hai agora algo máis dun ano e volta agora a
ela, inaugurando coa súa voz e a súa música un tempo de novas propostas
culturais que a partir de agora a Casa de Hortas acollerá nos fins de semana.
Unha programación que, ademais dos
concertos íntimos, incluirá iniciativas tanto para os máis pequenos como para
as persoas adultas tales como obradoiros de contos, de construción de xoguetes
e de monicreques, música, teatro e contacontos.
0 comentários :
Danos a túa opinión