Novas mostras no Centro Torrente Ballester

Redacción.-

O Centro Torrente Ballester de Ferrol presenta as exposicións Espazo público / Espazo privado e Fausto Isorna: O ceo das ilusións.

O venres día 29 de novembro ás 19.00 horas terá lugar unha mesa redonda na que estarán presentes os artistas de ambas exposicións e ás 20.00 horas inaugúranse as mostras: Espazo público / Espazo privado e Fausto Isorna: O ceo das ilusións.

Espazo público / Espazo privado é unha exposición que quere indagar nos límites entre a imaxe pública e a imaxe privada a través de obras fotográficas e vídeo creacións. Nesta ocasión, as capacidades dos medios escollidos permitirannos establecer unha observación dos modos do público e o privado na contemporaneidade, das actitudes implícitas na representación, que permiten ver como apreciamos a construción do espazo público como lugar de suceso narrativo ou lugar para a acción do social, como lugar da construción da paisaxe contemporánea e tamén como non-lugar. Doutra banda, o escenario de captación do íntimo, das vidas persoais, da construción da propia personalidade, da visión sobre o alleo, do comportamento da familia ou a nosa organización en grupos.
Comisaria: Mónica Maneiro.
Artistas: Ana Amado, Carla Andrade, Emma Crichton, Carolina Cruz Guimarey, Amaya González Reyes, Rita Gutiérrez Rivera, Cillas Seyde e Verónica Vicente.

Por outra banda, Fausto Isorna: O ceo das ilusións presenta unha gran selección de colaxes realizados polo artista entre os anos 1993 e o 2014. As súas imaxes, plagadas de colorido e dun vibrante impacto visual, afrontan diferentes camiños de execución. Por un lado, aparecen as colaxes expresionistas onde a figuración é conseguida a partir da combinación de elementos estranos que ofrecen un intrigante resultado final. Por outra banda, o seu traballo máis actual transita entre a arte pop e o surrealismo, eliminando a fronteira do recorte. O título da mostra O Ceo das Ilusións, enténdese a modo de percepción errónea ou confusa dun estímulo, neste caso visual. Coa intención de engadir confusión ás obras, os títulos son froito da técnica de curta e pega.
Comisaria: Gemma Sesar. Artista: Fausto Isorna.

Con ambas exposicións, o Centro Torrente Ballester pretende achegar ao público algúns dos exemplos máis destacados da actualidade creativa en Galicia.
Espazo público / Espazo privado e Fausto Isorna: O ceo das ilusións
Mesa redonda cos artistas: 29 de novembro ás 19.00 horas
Inauguración: 29 de novembro ás 20.00 horas

28 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión