A máquina de escribir. Colección Sirvent

Redacción.-

A máquina de escribir. Colección Sirvent é unha exposición que permitirá ao espectador achegarse ao universo da máquina de escribir en relación a súa importancia histórica no desenvolvemento do mundo da industria e o traballo. O papel da máquina de escribir na oficina, a importancia dos talleres de restauración ou a relación entre o universo das máquinas de escribir e o deseño contemporáneo son algúns dos eixes temáticos a partir dos cales se estrutura a mostra.

Xunto a isto, a exposición analiza fitos importantísimos da historia da máquina de escribir no mundo e no noso país como o xurdir da división dedicada á fabricación das máquinas de escribir da casa Remington despois da compra da patente da máquina de Sholes & Glidden, a importancia da casa Underwood que converteu o seu modelo número 5 nun dos máis vendidos do mercado, a posta en funcionamento da fábrica da máquina Hispano-Olivetti en España ou a aparición das máquinas de escribir eléctricas e a revolución que significou a aportación da empresa IBM coa súa máquina de bola para o desenvolvemento da máquina de escribir nas últimas décadas da súa existencia.

Exemplares como unha Malling Hansen danesa do ano 1867, a Hogar modelo index fabricada en Alacant no 1921, un exemplar da International Electromatic modelo Hektowriter de 1933 ou unha das Type Writer de Sholes & Glidden fabricada en 1873, son algunhas das máquinas que poderán admirarse na exposición.

A mostra tamén conta cun espazo dedicado ao póster que deixa entrever como as máquinas non só gardan valor pola súa calidade estética e a historia que albergan, senón porque arredor delas construíuse durante décadas un universo estético no que participaron algúns dos máis importantes deseñadores gráficos do seu tempo, dando lugar a interesantes imaxes publicitarias que poboaban os espazos de tendas e oficinas e que hoxe en día son un documento interesantísimo en canto á súa capacidade de reflectir o gusto e as modas das distintas décadas que viviron a súa historia.

Ademáis, na exposición poderán verse obras dos artistas José Lourenço, Jorge Perianes e Ignacio Uriarte que, cada cal seguindo a súa liña de traballo habitual, reflexionan sobre o fenómeno da máquina de escribir e o seu impacto na sociedade.

 

A máquina de escribir. Colección Sirvent
Do 12 de febreiro ao 5 de abril, 2015
Casa das Artes Vigo. Policarpo Sanz, 15, 36202 Vigo

17 de feb. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión