Presentouse o Caderno de Estudos Chairegos

Redacción.-

Onte venres, día 6 de febreiro de 2015, o Instituto de Estudios Chairegos presentou o Caderno de Estudos Chairegos número Sete a partir das oito e media do serán na Casa da Cultura de Vilalba da man do presidente do colectivo Manuel Castro Santamariña, Rebeca Leal Eimil, María Crespo Vázquez e Manuel Ferreiro.

A publicación bianual, co-financiada pola Área de Cultura da Deputación, conta con limiar de Uxío García Amor que substitúe a Bernardo García Cendán e José Luís Novo Cazón. Deste xeito, comeza unha nova xeira na que se pretende que cada edición do Caderno vaia prolongada por algún persoeiro ilustre.

Antonio Quintela, o señor Xosé de Caurelciño, o roteiro de cruceiros por Cospeito, os camiños históricos nas Terras de Pol, a faceta tradutora de Aquilino Iglesia Alvariño e a variación dialectal do léxico referido aos xogos tradicionais na Terra Chá son os temas recollidos no apartado de investigación.

Chema Felpeto, Manuel Castro Santamariña e Carme Pernas son os encargados das recensións dos libros Cartas a Antón de Bernardo García Cendán, A Chaira de Jenaro Pérez, Poética da Viaxe de Xosé Otero Canto, Cruceiros do Concello de Vilalba de Arribas, Blanco e Saavedra e Algunhas casa fidalgas da Terra Chá de José Coira.

E Manuel Ferreiro protagoniza o apartado de nova poesía onde se recolle unha boa escolma dos seus poemas.

Finalmente, o caderno recolle máis de 400 fotografías correspondentes ás exposicións Tal como eramos: VII Exposición de Vilalba, III de Guitiriz e I da parroquia de Alba.

7 de feb. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión