Monte, monte, monte...

Antón de Guizán.-

Decía Xurxo Souto que Galicia é mar e non lle falta razón. É mar pero tamén é monte. Casi o 70% da superficie terrestre galega é monte e esa masa forestal representa arredor do 40% no conxunto do estado pero o seu aproveitamento dista moito destes datos de superioridade en canto á materia prima. A maior parte do monte galego pertence á asociacións de monte en Man Común, máis de dúas mil no país.
O aproveitamento do monte por parte de intereses de papeleiras e madeireira condicionou a súa situación actual relegandoo a Mera estrutura de mercado ao servizo de intereses de parte nos que os propietarios e produtores son suxeitos pasivos e nos que o país perde unha grande fonte de riqueza.
Igual que as leis do mar en Galiza se ditan desde unha lonxana capital tanto na distancia física como no coñecemento da nosa realidade, o mesmo acontece co monte galego, que sofre a pesares das súas potencialidades a desidia, o desinterés, o descoñecemento e a influencia de ditados de certos intereses de parte deixando fora aos que deberán ser os seus principais activos.
Galicia, tendo a materia prima, conta coa mínima infraestrutura de aproveitamento da masa forestal do estado comparativamente a outros territorios.
Ter o monte explotado, aproveitado, supón xerar recursos, enerxía que mude a dependencia do petróleo en gas deixando divisas a países de fóra, supón xerar riqueza no país e evitar a lacra dos incendios e tamén creación de emprego e industria ademáis de poñer en valor o territorio creando sinerxias e intereses comúns co sistema agro-gandeiro e mesmo coa industria turística ademáis de potenciar o respeto e a protección do medio.
Si as administracións e os poderes públicos non actúan, o monte galego rematará sendo unha parte máis da explotación do país o por parcelas. Empresariado, concellos, comunidades de montes, propietarios, deben xerar sistemas cooperativos e participativos na explotación da biomasa para crear riqueza e non agardar a que as decisións veñan xa impostas desde gobernos de fóra e intereses económicos alleos.
Os gobernos galegos do futuro deben ser tamén esa forza motora na defensa do monte galego, desa inmensa fonte de riqueza, de enerxía, de posta en valor do país hoxe desaproveitada. Así será, quero creer...

29 de xul. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión