Iván García Calaza.- Hai unha semana París deixou de
ser a capital de Francia para ser a “capital do mundo”. Os acontecementos, xa
coñecidos por todos, levan unha semana abrindo os telediarios e protagonizando
as portadas dos xornais en España. Non obstante, na noite do venres 13 de
novembro a maioría das televisións españolas pasaron por alto a nova e seguiron
ca súa programación habitual.
Menos mal que estaba a radio para
contalo. Unha vez máis. Para organizar, analizar e informar nunha noite de
desconcerto. Onde as informacións viñan polo vento e marchaban polo aire. Si, a
radio. Aquel medio que daban por morto ca chegada da televisión. Mais non. A
radio soubo reinventarse a si mesma e non perdeu azos. Ao contrario. Non hai
ningún medio que o faga coma ela. Mentres vas no coche camiño da casa ou cando
estás preparando o xantar. Un medio insubstituíble. Ademais, modernizouse.
Aproveitou as posibilidades que da a rede para potenciar os seus contidos e
facilitar a escoita aos seus oíntes.
O outro día, tomando un zume de
laranxa na casa de miña veciña Marisa falamos da radio. Contoume a primeira vez
que vira este aparello na súa parroquia natal, Carballido (Vilalba). Trouxérao
o Darío do Pombeiro nunha das súas vacacións, xa que el vivía en Madrid.
Recorda como todo o barrio se xuntou para ver o novo instrumento. A Marisa
lembra como os cativos fochicaban no trebello para descubrir de onde viña
aquela voz. Foi o primeiro capítulo da historia da radio pola zona. Un medio
que chegou para quedarse. E que contribuíu o progreso da nosa sociedade. Unha
historia que escribe todos os días sen perder a súa esencia.
Nos últimos tempos, a radio tamén
se usou para tentar asustar o xabarín nas leiras de millo. Digo tentou porque,
ao parecer, o xabarín converteuse nun oínte máis. No canto de afastarse, aínda
se achegou máis a ela. Debeu quedar impresionado pola maxia da radio. Espero
que non lle pase coma min e se quede durmindo escoitándoa.
0 comentários :
Danos a túa opinión