Homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Texto lido no cemiterio de Boisaca o domingo 10 de xaneiro, no cuarto cabodano do seu falecemento.

(Intento de aproximación poética á súa biografía en 8 partes)

Por Xoán Xosé Fernández Abella

Limiar

Cantei a túa humildade, a túa grandeza
nun meu soneto, impar Isaac Díaz Pardo.
E hoxe unha elexía á túa nobreza

pídeme o corazón, no que ben gardo
teu exemplo inmortal de gran mecenas,
claro inimigo sempre do bastardo,
entrega e rectitude sempre plenas.

Soneto

Perdóame se ofendo a túa humildade,
meu grande Isaac Díaz Pardo, extraordinario
artista e home bo, grande empresario
que á nosa Terra doa integridade.

Guía para os que amamos a verdade
e a valentía, sempre solidario
cos que sofren a historia, hospitalario,
impar mecenas, ata a heroicidade.

Con Sargadelos polo mundo enteiro
enalteceche o nome de Galiza.
Teu labor de editor é pregoeiro

dun altruísmo impar. E nesta liza
contra os adoradores do diñeiro
a razón hanche dar. É de xustiza.

Tristura

Déchelo todo e che quitaron todo,
e a tristura adiantou teu pasamento.
Eu pénsoo así, amigo, dese modo.

Loanza

Alzo teu nome, Isaac, con sentimento
de admiración total. Túa bonhomía
será estrela inmortal no firmamento
da nosa Historia e da fidalguía.


Ti nas máis altas páxinas da Historia
estarás, loitador, inconformista,
coa admiración meirande á túa memoria.
Humanamente fuches comunista.

Tristura familiar

Teu pai, asasinado galeguista,
foi o excelso Camilo Díaz Baliño,
pintor, ilustrador e cartelista,

cortándolle, crueis, o seu camiño
triunfal, cunha maldade de loucura,
onde o odio máis fero tivo niño.

Ós dous anos, tua nai na sepultura
achou a paz que lle negou a Terra.
Ela morreu da máis fonda tristura.
Maldita sexa para sempre a guerra!

Recordo

No corazón túa imaxe en ouro gardo,
home inmortal, orgullo de Galiza,
pois eu tras esta vida, vida agardo.

Túa loita foi tenaz pola Xustiza,
sempre á beleza, á arte consagrado,
revelador da Historia en nobre liza.

Da túa humildade non se dá contado.
Iluminado de xenerosidade,
ó ben viviches sempre dedicado.

Quiseches moi distinta realidade
á que, cruel te condenou a vida,
pero ti respondiches con bondade.

Xustiza, arte, verdade... a apetecida
ruta foi na túa limpa executoria,
sempre a alumar a meta perseguida.
Sendo teu premio: admiración e gloria.





Mimina

Buscando nesta vida ledo abrigo
casas con Carmen Arias que é Mimina
familiarmente, e sempre contigo.

Puro exemplo de entrega feminina,
pintora e cartelista, que no Castro
fai decorados que ela non asina.

Renuncia, humilde, a ser brillante astro
nunha cerámica da meirande altura,
que na arte deixou logrado rastro.
Alto honor a súa entrega noble e pura.

Nai exemplar e esposa consagrada
ós tres fillos e ó seu Isaac Díaz Pardo.
Merece para sempre ser lembrada.
Para ela a admiración máis fonda gardo.

Remate

Fuches, sen selo, emigrante
e exiliado voluntario,
puro exemplo solidario
do teu único talante.

Santiagués universal
e galego extraordinario,
un exemplar empresario
coma non hai outro igual.
Un pintor excepcional,
debuxante, ceramista,
ilustrador, xornalista.
Dramaturgo orixinal.
Un poeta ocasional
e de cegos, cartelista.
Un altruísta editor.
Terra e teus, o teu amor.
Un xenio renacentista!

Os Tilos, 30/Abril/2.015

Xoán Xosé Fernández Abella
da "Academia Real Isaac Díaz Pardo"

IMAXE: Paulo Naseiro

13 de xan. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión