Redacción.-
O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar a primeira edición en galego de “Historias de Compostela” de Xosé Filgueira Valverde, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, responsable da tradución da obra. Onte pola tarde, ás 20:00 horas, presentouse na sede compostelá da Fundación Torrente Ballester. Asistiron ao acto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o fillo do escritor, Xosé Fernando Filgueira; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos; e Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde compostelán, que fixo o prólogo desta edición.
Historias de Compostela é unha das obras fundamentais de Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996). Foi en 1970, na editorial compostelá Bibliófilos Gallegos, cofundada en 1949 polo propio autor, onde estas crónicas viron a luz como libro. Os textos, orixinariamente en castelán, tiveron unha segunda edición, facsimilar e de peto, en 1982, baixo o selo de Edicións Xerais. Esta primeira edición en galego xorde ao abeiro da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado o pasado ano ao escritor pontevedrés.
O autor recolle neste libro unha gran parte dos seus coñecementos da antiga Compostela e das tradicións xacobeas a través de dezate crónicas. Organizado en catro partes, fai un repaso pola Compostela medieval; o Apóstolo Santiago e as súas tradicións; as festas de Compostela no Barroco; e o que el denomina Varia Lección, na que recompila e comenta diversas referencias literarias ao Camiño, ao Apóstolo ou á propia cidade de Santiago. Así, están presentes as viaxes do xastre Guillermo Manier en 1726 e do Duque de Toscana Cosme III de Médicis en 1669. É na última parte onde o escritor afirma que "la mención de un peregrino extranjero, un griego, aparece por primera vez, según creo, en la Historia Silense, escrita a comienzos del XII, con referencia a un sucedido del año 1064, la toma de Coímbra por Fernando I".
A través destas historias o escritor vese a si mesmo coma un recompilador daqueles que andaban os camiños da vella Europa contando relatos e cantando melodías para facer máis doada a peregrinación dos que ansiaban Compostela.
Tal como resaltan os editores, “en canto aos contidos, nos 45 anos transcorridos dende a primeira edición, posteriores investigacións foron achegando novos datos ou precisando algúns dos coñecidos e aquí revelados por Filgueira Valverde. Este feito, en ningún caso lle quita nin rigor nin entidade ás dezasete historias de Compostela que aquí se nos narran”. Ademais, mantéñense as ilustracións da primeira edición.
O limiar que acompaña esta edición é do arquitecto e ex-alcalde compostelán Xerardo Estévez, que tivo moita relación co autor. Nel salienta que o itinerario de Xosé Filgueira Valverde está unido a Compostela dende moi cedo. “Quizais xa na súa primeira visita, no ano xubilar de 1909, a pompa e circunstancia das festas do Apóstolo, con comitiva rexia, procesión mitrada e botafumeiro, puido deixar pegada naquel intelecto extraordinario. As visitas cos seus pais repetíronse con frecuencia e foron acompañando con lecturas diversas os anos que decorreron ata que, en 1922, se instala como estudante, integrándose naquel grupo de mozos que, un ano máis tarde, había dar luz o Seminario de Estudos Galegos”.
“Aínda que marchara para completar fóra os estudos, e a súa traxectoria vital o vinculara para sempre á Pontevedra natal, nunca deixou de estar en Santiago en pensamento e obra, atento aos aconteceres da cidade e á súa evolución, que era, dalgún xeito, a de Galicia. E, como conselleiro de Cultura, empezou a falar dun réxime especial para a cidade compostelá, que foi un primeiro paso cara ao estatuto de capitalidade” -indica Estévez-.
O 26 de xullo de 1990, coincidindo coas festas do Apóstolo Santiago, o Concello acorda concederlle a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural “pola súa extraordinaria contribución á difusión de Santiago de Compostela no mundo”. Unha bibliografía editada pola Fundación Filgueira Valverde co gallo deste recoñecemento enumera 42 libros e folletos, 233 artigos e 116 conferencias que o escritor dedicou a temas composteláns, aos que hai que agregar os prólogos a numerosas obras doutros autores.
Estévez manifesta que “esta edición axudará a comprender mellor a intrahistoria da cidade e a súa proxección no mundo, e agora en galego, como estou convencido de que a el lle gustaría, cando retrocede o uso coloquial da lingua e volve ser motivo de conflito”.
0 comentários :
Danos a túa opinión