Iván García Calaza.- Para moitos
será outro venres no almanaque, sen nada máis especial ca estar ás portas dunha
fin de semana. Quizais nunca llelo dixeron (a min tampouco) e por iso agora non
o saben. Xa é habitual que adoitamos valorar o de fóra e non o da casa. Pasa
con todo: co cine, ca literatura, cos destinos de viaxe ou ata cos xogadores de
fútbol. É certo que non hai que xeneralizar, pero haille que dar importancia o
que si a ten.
Non sei se no 1916 o catro de marzo cadrou a venres, o
que si é que hoxe hai cen anos naceu o Heraldo de Villalba. Non
só Madrid tivo o seu heraldo. E naceu nunha das vilas máis xornalísticas da
primeira metade do século XX. Vinte publicacións saíron a rúa neste período na
capital da Terra Chá ata o estalido da Guerra Civil. El Eco de
Villalba, El Ratón, La Voz Campesina, El Vigía Villalbés ou Azul
y Blanco foron os antecedentes da publicación de máis duración por
terras vilalbesas, Heraldo de Villalba (1916-1931).
Antonio García Hermida foi o fundador do xornal que
hoxe está de aniversario. Aínda que xa fora o impulsor de Azul y
Blanco, “o heraldo” constituíu a súa publicación máis relevante.
Ademais coincidiu a súa fundación co ano no que xurdiron as Irmandades da Fala
das que García Hermida foi secretario da Irmandade de Vilalba.
Supoño que García Hermida non contaba cando saíu o
primeiro número do heraldo que aquilo ía dar para 285 números máis. O Heraldo
de Villalba publicábase dúas veces ao mes e tiña por subtítulo na súa
cabeceira “periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa”. Na
vila vendíase a dez céntimos o número solto e a unha peseta o semestre.
Probablemente hoxe en ningunha escola, nin sequera nas
de Vilalba, se mencionase esta data (ogallá que si). Sendo así tampouco se nos
pode botar a culpa de que sexamos uns ignorantes da nosa historia, mais si que
se nos ten que culpar de non facer nada para remedialo. Agardo que para o 2031,
cando se cumpran cen anos do peche de Heraldo de Villalba (12
de abril), poidamos profanar nós mesmos algo similar ao que dicía a cabeceira
de García Hermida “defensores dos intereses da comarca vilalbesa”.
0 comentários :
Danos a túa opinión