Redacción.-
A Comisión contra as Minas da Terra Chá, integrada por máis dunha vintena de colectivos, reuiniuse esta semana -o 14 de abril- para analizar a situación na que se atopa o conflito coa mineira norueguesa Erimsa. A xeito de lembranza, esta empresa ten tres concesións aprobadas dende o ano 2006 para extraer seixo en 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto.
Tras dez anos de loita, dacabalo dos anos 2012 e 2013, Erimsa perdía cinco contenciosos administrativos que tiña interpostos contra os concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Nese mesmo período, a Erimsa denegábanlle as licenzas os concellos, previa denegación da autorización autonómica.
Na xuntanza da Comisión contra as Minas na Terra Chá valorouse que, aínda que son moi importantes os logros acadados, grazas á loita e organización da veciñanza, a ameaza mineira permanece e a situación segue a ser preocupante. Despois de serlle denegados todos os permisos á concesionaria, varios colectivos instaron á Xunta para que iniciase os expedientes para declarar caducadas as concesións mineiras, aprobadas por trinta anos e prorrogables até noventa. Sen embargo, a única contestación da Xunta foi o silenzo administrativo, pois nin iniciou os expedientes de caducidade nin contestou aos colectivos que a interpelaron.
A maiores, a empresa segue preiteando por poder extraer o seixo da Terra Chá, e ten recorrida diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a autorización previa á concesión de licenza municipal dos proxectos Pastoriza 5562 (A Pastoriza), Karles 5519 e Alicia 5917 (ambos de Cospeito). Nestes procedementos, chama a atención que, por parte dos gobernos municipais, só se teña personado o concello d'A Pastoriza, mentres que o de Cospeito, un dos máis afectados, fixo deixadez da súa obriga de defender os intereses da veciñanza e non se personou, segundo fomos informados.
Finalmente, na xuntanza da Comisión contra as Minas na Terra Chá, e en vista do devandito, decidimos instar de novo á Xunta para que declare caducadas as concesións a Erimsa na Terra Chá. Ademais, iniciaremos unha campaña informativa para que a veciñanza dos diversos concellos afectados polos proxectos mineiros coñezan estas últimas novas.
0 comentários :
Danos a túa opinión