As Irmandades da Fala en Vilalba

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), ORA Galega e iFala propoñen unha xornada de celebración con motivo do centenario da fundación das Irmandades da Fala.

Será o vindeiro sábado, 11 de xuño, cando o bus das Irmandades da Fala (iFala) se achegue a Vilalba - onde se constituira en novembro de 1916 a quinta Irmandade da Fala, seis meses despois da primeira na Coruña- para ofrecer a posibilidade de visitar unha exposición conmemorativa das Irmandades ou acceder mediante as novas tecnoloxías a diferentes actividades: unha aplicación móbil, unha páxina web… Tamén se poderá escoitar unha canción interpretada en clave colectiva por Isabel Risco, Sés, Poetarras, De Vacas, Leo e David Amor, entre outras persoas.

O bus de dous niveis situarase ao pé do templete da Praza da Constitución e poderá visitarse, de balde, entre as dez da mañá e as dúas do mediodía e dende as cinco da tarde ás oito do serán.

Completan as actividades culturais diversas propostas do IESCHA. Pola mañá intercalaranse as actuacións de Buxos Verdes coa lectura continuada de poemas e outros escritos de varios "irmáns da fala". Á unha do mediodía será a quenda da actuación do grupo vilalbés Irmandades do Falo.

Xa pola tarde, entre as seis e as sete, desenvolverase o "Paseo das Irmandades" visitando as casas nas que viviron os confundadores da Irmandade da Fala de Vilalba, Lois Peña Novo e Antón García Hermida; e Manuel Mato Vizoso e Carmiña Prieto Rouco.

9 de xuño de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión