Cada 1 de xuño...

Moncho Paz.- Cada 1 de xuño sempre lembro o mesmo día, pero do ano 1976. Non sei cal é a razón, pero todos os primeiros días de xuño son soleados, non me estraña que o declarasen “mes do medio ambiente”. O 1 de xuño de 1976 saín de casa para dirixirme ao colexio e, como cada mañá, parei na tenda do meu pai a buscar o avituallamento de media mañá, que nesa ocasión era un paquete de galletas sandwich recheas de fresa, non caio agora na marca. 

O colexio era o único que tiñamos en Vilalba naquela época, que despois sería coñecido como o nº 1 e máis tarde rebautizado como o Mato Vizoso, en recoñecemento da figura do erudito local e fundador de El Eco de Villalba. Todos os anos, cada 1 de xuño, revivo aquela mañá luminosa que anunciaba o verán, pois achegábase o final de curso e as agardadas e case interminables vacacións, que remataban coas festas de San Ramón. Unha infantil sensación de felicidade elevada á X potencia, coma se dun cálculo matemático se tratara.

Choveu moito desde entón. Tanto que hoxe, corenta anos despois, parece un día apropiado para bucear no tempo e facer un 'revival' do que aconteceu naquel afastado 1976:

· Juan Carlos e Sofía visitaban Vilalba no mes de xullo e tamén caía na nosa vila o premio Gordo (número 49764) da Lotería de Nadal 
· Jimmy Carter gañaba as eleccións en Estados Unidos
· Tras realizar o seu primeiro voo, entraba en servizo o Concorde, avión supersónico
· Peter Piot analizaba nun laboratorio belga as primeiras mostras do virus Ébola, procedente de Zaire
· Morrían máis de 500 manifestantes nunha protesta en Soweto contra o Goberno do Apartheid
· Adolfo Suárez era nomeado presidente do Goberno español
· Alzamento militar en Arxentina contra María Estela Martínez de Perón, asumindo a presidencia Jorge Rafael Videla, por medio dunha xunta golpista
· Inauguración en Toronto da CN Tower, unha das máis altas do mundo
· Fundación de Apple Computer Company por Steve Jobs, Stephen Wozniak e Ronald Wayne
· A nave estadounidense Viking1 chegaba a Marte
· O terremoto de Tangshan en China deixaba 242.000 mortos; está considerado o segundo máis letal da historia
· Fidel Castro chegaba á presidencia en Cuba, tras 17 anos como primeiro ministro
· Descubrían en Kenia o cráneo dun Homo Erectus de máis de 1,5 millóns de anos de antigüidade
· Diego Armando Maradona debutaba en Primeira División con Argentinos Juniors, cuxo estadio leva hoxe o seu nome
· Nadia Comanecci lograba o seu primeiro 10 perfecto nos Xogos Olímpicos de Montreal
· As sex symbol do momento eran Farrah Fawcett, Faye Dunaway, Lynda Carter, Cheryl Tiegs e Christie Brinkley
· As películas máis vistas foron Rocky, Taxi Driver, Todos os Homes do Presidente, Alguén voou sobre o niño do cuco, A fuga de Logan, A Profecía, Carrie, Casanova e King Kong
· O gran Raymond Carver publicaba "Queres facer o favor de calar, por favor?"
· Still Crazy After All These Years, de Paul Simon, levou o Grammy ao mellor álbum
· Formábanse as bandas U2 e The Clash
· Escoitábanse os "hits” de ABBA, con Dancing Queen e Money, money, money; Dirty Deeds Don´t Dirty Cheap, de AC/DC; Desire, de Bob Dylan; Take the heat off me, de Boney M; Hotel California, de Eagles; Oxygène, de Jean-Michel Jarre; Somebody to Love, de Queen; e Blitzkrieg bop, de Ramones
· As series de TV con máis audiencia eran Os Anxos de Charlie, Baretta e MASH
· Nacían Tim Duncan e Kevin Garnett, famosos xogadores da NBA
· Deixábanos Agatha Christie
· Triunfaban os chicles Cheiw
· Adeus a Mao Zedong e á súa “Revolución Cultural”.


Iso é todo, amigos (“That's all folks”, Bugs Bunny dixit). Madrid, 1 de xuño de 2016.

P.D.- Tras publicar esta reflexión en Facebook, Sabela Núñez Singala mandoume a seguinte mensaxe: “Se cadra lembras especialmente o 1 de xuño porque supoñía tamén un cambio de horario na xornada escolar, clases só pola mañá e unhas tardes longas e libres para xogar. Sen pretendelo, leváchesme ata a miña infancia tamén. Grazas, Moncho”. Deches no cravo, Sabela; por fin sei cal é a razón. Grazas a ti. Bicos.

22 de xuño de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión