A conchada, punto de partida e chegada

Antón de Guizán.-

A Terra Chá conta con numerosas escolas de indianos, casas sufragadas polos nosos emigrantes en ultramar que acreditaban na cultura como mellor investimento para o futuro dos seus. Por sorte, moitas delas recuperadas fisicamente e constituidas hoxe en centros de vida social e cultural dos veciños e veciñas do lugar. Algunhas pasan xa do século de vida e outras están próximas a cumprilo, como é o caso da escola habaneira da Conchada nos Vilares que será centenaria en 1923.
A mellor honra a aqueles que investiron o esforzo do seu traballo e exilio das raíces na cultura dos seus, é restaurala, adaptala a estes tempos e facer dela o centro da vida social e cultural da parroquia. A eliminación de barreiras, os illamentos, a calefacción, a dotación de medios acaídos para as adtividades, a xestión diaria, habitabilidade en definitiva, é urxente e necesaria. Para esto, a administración, as asociacións e a veciñanza teñen a obriga de entenderse e sumar esforzos que nunca serán máis grandes que o traballo que fixeron aqueles que hai casi cen anos a construiron e que sirveu para a educación de centos de vilaregos de varias xeneracións.
Non facelo, será unha desonra á nosa memória e ao noso patrimonio material e inmaterial cando ainda estamos a tempo de recuperala para uso de todos e poñela en valor como centro social e cultural desta parroquia do rural. Ese debe ser desde agora o reto. A Conchada volve a ser o punto de partida, será tamén o punto de chegada?

23 de nov. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión