Manuel París.- Esta tarde finou a causa dun
cancro o músico Fran Pérez 'Narf'. Nado en Silleda, o artista deixounos aos 48
anos de idade, tras unha intensa traxectoria que o converteu nun dos nomes
imprescindibles e máis prezados da música do país. Levou tamén as súas cancións
a palcos de Brasil, Arxentina, África... Creou música de teatro, formou parte
da Psicofónica de Conxo, foi un dos fundadores da Sala Nasa, publicou o disco
'Aló irmao' co músico Manecas Costa, xirou nos últimos meses coa cantante Uxía
e o seu derradeiro concerto celebrouse hai unhas semanas no Teatro Principal de
Santiago, coa compaña dos africanos Timbila Muzimba, no marco da Feira Womex.
Presentou
os seus traballos en festivais de todo o mundo como o Mercado Cultural de
Salvador Baía, Câmbio Sonoro (Recife), Antídoto (Sao Paulo), varias edicións do
Festival d'Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na maré, en
Pontevedra, Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres) ou Liet Lavlut (Östersund),
onde acadou o segundo posto no concurso da canción en linguas minorizadas
europeas. Ademais, tamén deixou a súa impronta en Porto Alegre, Río de Xaneiro,
Polonia, Guinea, Barcelona ou Reino Unido. Indica a Galipedia que foi membro
de grupos como Psicofónica
de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo, e que compuxo máis dunha
trintena de bandas sonoras para producións teatrais de diferentes compañías en
Galicia e Portugal, como Salomé ou A boa persoa de Sezuán, co Centro
Dramático Galego.
No
mundo do audiovisual, destaca a súa participación como compositor no filme de
animación para nenos O
labirinto dos soños, con texto e dirección de Pepe Sendón, ademais de
diversos traballos no ámbito dos documentais, como Galicia Une. Tamén se
achegou ao mundo do teatro, e foi un dos catro fundadores da Sala Nasa en 1992, compoñendo, entre outros labores,
cancións para a Banda da Nasa até 1998, ano no que abandonou o proxecto. Alén
disto, ten participado como actor nalgunhas montaxes teatrais, orixinalmente
como membro da compañía Chévere (Máquina total, Annus Horribilis e
outros).
_______________
Foto.- Luis Soto
0 comentários :
Danos a túa opinión