Quico Cadaval na Casa Museo Manuel María

Redacción.- O auditorio da Casa-Museo Manuel María, dentro da súa programación cultural de outono, acollerá este vindeiro venres 2 de decembro o espectáculo humorístico do actor, director teatral e narrador de historias Quico Cadaval. Este contará, ás 20.30 hrs, en Outeiro de Rei, unha historia que leva por título Manoel o aduaneiro.


Segundo o actor ribeirán, “en Manoel o aduaneiro regresan as anédotas do mundo labrego desaparecido, nos tempos en que as vacas eran sagradas e o pan máis caro que o marisco. No espectáculo invocaranse a través da palabra historias de vida en que non faltan mariñeiros, cans de raiba, orquestrinas, militares, naufraxios, barbeiros, leiteiras, escapados, mozas, sementais, curas, desembarques, alcaldes (fascistas), auroras boreais, parteiros, doutores, o Santo Eleuterio, unha noiva, un aduaneiro e vacas, moitas vacas”.


As entradas par o espectáculo están xa á venda e teñen un prezo de 5 euros. Pódense reservar por anticipado a través do teléfono 698 177 621 ou do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal. Poderanse retirar desde unha hora e até 10 minutos antes do inicio da función. Nese momento poranse á venda as entradas que non foren reservadas, se as houber. Dado que o aforo do auditorio da Casa-Museo Manuel María é limitado, a organización recomenda optar pola reserva previa. 


29 de nov. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión