Aldaolado na Casa Museo Manuel María

Redacción.-

O auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei acolle este venres 17 de febreiro ás 20.30 horas o espectáculo de ALDAOLADO tituladoPendanca e oso. Poesía, música e humor son os eixos sobre os que xira esta proposta, cuxa temática é o amor.

ALDAOLADO é un proxecto formado polas poetas Lucía Aldao e María Lado onde se entremesturan a poesía, o humor e a música a partes iguais nunha posta en escena cargada de orixinalidade e espontaneidade.

En palabras das creadoras e protagonistas desta proposta, o espectáculo que o vindeiro venres se poderá ver en Outeiro de Rei é “unha narración das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, da que xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras.” Os poemas que ALDAOLADO recitarán neste espectáculo “xorden precisamente dese caldo de cultivo, póndolle moita música e moito humor ao amor máis romántico e ao amor máis miserábel”. Se houbese que definir brevemente o que é Pendanca e oso sería así: “dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.

O prezo da entrada para este espectáculo é de 5 €. Os billetes pódense reservar desde xa mesmo a través do correo electrónicocontacto@casamuseomanuelmaria.galou do teléfono 698 177 621, sendo esta a opción que a Casa-Museo recomenda tendo en conta o aforo limitado do auditorio. As entradas retiraranse desde 1 hora e até 10 minutos antes do inicio da función na mesma Casa-Museo. Poranse á venda nese momento as entradas sobrantes, se as houber, até completar o aforo dispoñíbel.

15 de feb. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión