Rede Galega de Música ao Vivo

Redacción.-

A Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación en colaboración cunha trintena de salas das catro provincias, programará durante este primeiro semestre do ano 87 concertos e monólogos dun total de 32 formacións artísticas, galegas na súa meirande parte.
Esta rede, para a que se conta tamén coa implicación da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, dispón de espazos asociados en 19 localidades e dun orzamento para esta carteleira semestral de 44.600 euros, dos que 37.910,85 son achegados pola Agadic e os 6.690,15 restantes polos espazos que programan durante este período.
O obxectivo prioritario do circuíto é atender as necesidades de distribución dos grupos e intérpretes musicais galegos de moi diferentes estilos, ademais de contribuír á estabilidade na programación das salas galegas de música en directo.
Oitenta e catro concertos e tres monólogos

Neste sentido, os concertos constitúen a oferta predominante da RGMV, que ata xuño programará un total de 84 concertos e tres monólogos. Cunha media de tres actuacións por grupo, destacan nesta relación artística nomes como The Lákazans, con seis concertos, Villanueva con cinco e Igloo e Ivy Moon con catro cada un. A rede programará tamén a Adrián Costa, Aló Djangó, Andhrea & The Black Cats, Banda Crebinsky, Brigada Bravo & Díaz, Clave de Fado, Dakidarría, Eladio y los Seres Queridos, Faltriqueira, Far Away Place, Ith, Maryland, MJ Pérez, Piña, Por Placer, Secho y los Invisibles, Sinestesia, Sonia Lebedynski, Sumrrá, The Llolipops, Tincho Fernán, Tonichi y Pacheco, Tractor Troy, Helena Goch, The Lines e Frankie Chávez. A oferta complétase cos monólogos de Alberte Montes e Padre Merino.
Xunto coa Rede Galega de Salas, a Rede Galega de Teatros e Auditorios e Cultura no Camiño (os outros tres circuítos de distribución de espectáculos xestionados pola Agadic), a RGMV ofrécelles aos grupos musicais galegos unha canle estable de exhibición, ao tempo que lles achega aos espectadores unha moi variada oferta, tanto no que se refire aos estilos musicais como á descentralización xeográfica.
Este calendario cultural, que pode consultarse en www.cultura.gal/axenda e www.agadic.gal/Axenda, esténdese polas seguintes salas: BâBâ Bar da Coruña, Fórum Celticum de Culleredo, Sala Super 8 de Ferrol, A Ventana de Laxe, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Moon Music Club, Sala Capitol e Sala Sónar de Santiago de Compostela, Sala O Muíño de Cervo, Club Clavicémbalo de Lugo, Café Bar Cultural Roi Xordo de Allariz, Sala Baranda do Barco de Valdeorras, Café Cultural Auriense de Ourense, O Con do Moucho da Illa de Arousa, Aturuxo de Bueu, SalaSon de Cangas, Var con Uve de Moaña, Náutico do Grove, Sala Karma de Pontevedra, El Contrabajo, La Casa de Arriba, La Fábrica de Chocolate Club e La Iguana Club de Vigo e Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa.

7 de feb. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión