Homenaxes a Carlos Casares

Redacción.-

As bibliotecas públicas da Xunta de Galicia celebran en torno ao 17 de maio a grande efeméride das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe á dedicación ao libro, á cultura galega e á creación literaria do ourensán Carlos Casares. A variedade de actividades programadas polas bibliotecas autonómicas permite que persoas de todas as idades se acheguen á figura deste grande escritor e editor.

O vindeiro día 18 de maio impartiranse dúas conferencias sobre Carlos Casares nas bibliotecas públicas da Coruña e Santiago, ambas as dúas ás 19,00 horas. Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago Häkan Casares Berg lembrará a figura do seu pai, ofrecendo a súa visión familiar deste persoeiro das letras. Mentres, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña falará Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que incidirá na actividade do autor como tradutor e os seus estudos sobre Ernest Hemingway.

Lugares de encontro, xogos e actividades

Os rapaces poderán coñecer un pouco máis polo miúdo a Casares divertíndose cunha morea de actividades ao longo de todo o mes de maio. Nas bibliotecas da Xunta atoparán lugares de encontro, xogos, concursos, exposicións, propostas didácticas, contacontos, recitais e actividades musicais para lembrar que Casares foi un pioneiro da literatura infantil en galego. Por exemplo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal organiza o Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas para os nenos e nenas de tres a trece anos, que este ano chega á sétima edición. Os traballos depositaranse na biblioteca ata o 12 de maio. Os tres carteis máis creativos e orixinais recibirán premios e agasallos nun acto que terá lugar o día 18 de maio ás 18 horas. Todos os carteis presentados exhibiranse desde o 18 de maio ata o 16 de xuño na sala infantil da biblioteca. Esta exposición acompañará a dúas mostras bibliográficas de coleccións da biblioteca que poderán visitarse ao longo de todo este mes.

O 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, alumnos e alumnas de centros de Santiago de Compostela participarán no Gran xogo das Letras Galegas. Os rapaces indagarán na orixe e significado do día que rememora a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, un 17 de maio do 1863, ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e a obra de Casares.

Contacontos, mostras e música

A Biblioteca Ánxel Casal completa a súa programación cos contacontos dos sábados 20 e 27 de maio, ás 12,00 horas, para nenos e nenas de tres a doce anos. No contacontos do día 20,As laranxas máis laranxas,o bardo Abelardo creará todo un espectáculo adaptando contos e obras de teatro infantil de Casares para contalos e cantalos acompañado da súa concertina. No último sábado de mes, Lisístrata rende homenaxe a Casares con historias Contadas coa súa voz e coa nosa palabra, de obras que chegaron a converterse nos clásicos da literatura de hoxe.

Na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, os nenos e nenas de seis a doce anos poderán visitar durante todo o mes de maio unha mostra bibliográfica sobre Casares, completada cunha proposta didáctica permanente publicada en bloggit, o bloque da sala infantil.

O sábado 20 de maio, ás 12,00 horas, a música de violín e os contos fabricados polo Contador de Contos con Efecto Retardado, combinará e entrelazará unha sarta de historias que se irán esfiando de vagariño nas que nenos e nenas de catro a once anos atoparanse coa invención,da man de Marisa Irimia,de cousas estrambóticas e imposibles. Rematarán os actos de homenaxe o sábado, 27 de maio, ás 12,00 horas, co contacontos ilustrado Os xoguetes de Clío. Os nenos e nenas a partir de tres anos emprenderán unha longa viaxe en tren, acompañados polo Correo do Vento, na que aparecerán mesturados distintos datos da vida de Carlos Casares e moitos dos seus personaxes.

17 de maio de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión