Día da Cultura Chairega
Redacción.-
Como cada mes de setembro por estas datas, e dende vai xa para trece anos, o Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA, organiza un acto -incluído dentro do convenio suscrito coa Deputación de Lugo- que, coa denominación xenérica de Día da Cultura Chairega, pretende lembrar ao noso gran poeta MANUEL MARÍA, do que se cumplen trece anos do seu falecemento.
Dende a primeira edición, teñen pasado grupos e cantantes tan senlleiros como Milladoiro, A Quenlla, Vichelocrego, Xarín, Buxos Verdes, Uxía, Os D’Abaixo, A Banda de Musica de Vilalba, A Coral Polifónica Vilalbesa; proxectado películas coma a do chairego Jorge Coira, “18 Comidas”; realizado recitais poéticos ou dramatizacións de obras de Manuel María; conferencias, mesas redondas, presentacións de libros, etc. Este ano 2017, o Iescha invita a todas as persoas interesadas a asistir ao acto de homenxe que terá lugar o vindeiro venres día 8 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, con entrada totalmente libre e gratuíta.
O PROGRAMA está conformado da seguinte maneira:
-GRAN CONCERTO MUSICAL A CARGO DO GRUPO
A BANDA DA LOBA
-ENTREGA DA PLACA E DIPLOMA DE SOCIO DE HONRA DO IESCHA AO ESCULTOR CHAIREGO
VÍCTOR CORRAL
A BANDA DA LOBA
Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas como Celso Emilio ou Manuel María ou outros textos tomados dos poemarios de poetas máis novas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.
O seu primeiro traballo discográfico sairá á luz a finais deste 2017 baixo o título "Bailando as rúas".
Xénero
Ecléctico no plano estilístico musical
Compoñentes da banda
Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión)
VÍCTOR CORRAL
Víctor Corral Castro, naceu en Baamonde (Begonte), o 14 de setembro de 1937. Empezou a facer esculturas no monte, coas rochas, cando era neno e coidaba as vacas. Realizou estudos primarios e traballou no campo. Tras dous anos de estudos na Escola de Artes na Coruña e outros dous na Escola da Lonxa de Barcelona, montou o seu primeiro obradoiro en 1963. Tres anos máis tarde facía a súa primeira exposición na Cidade Condal. Despois dalgunhas exposicións en España e no estranxeiro, comezou a construír a súa Casa museo na súa parroquia nata de Baamonde, onde ten esculturas de pedra e bronce no xardín, e de madeira, marfil, bronce e miniaturas de luxo no interior. Na igrexa parroquial de Baamonde hai un castiñeiro centenario coa Virxe do Rosario tallada no interior (caben 4 persoas). En 2015 foi nomeado fillo predilecto do Concello de Begonte. Ademais dunha gran colección de esculturas que se atopan por todo o mundo e en man de particulares, realizou máis de 20 monumentos en granito e bronce que se encontran en espazos naturais en Galicia e Zamora.
0 comentários :
Danos a túa opinión