Nesta presenza nosa

David Otero.-


Nesta presenza nosa,
na responsabilidade e na firmeza,
na que se reflicte tamén tan claramente
nesta manda de afectos setembral
co teu exemplar ser…
na coherencia,
no teu vivir na casa nosa,
presente sempre,
así nun algo máis…
e como tribu
advertimos a madureza da reconciliación obrigada
coa cabeza erguida
indo…

Indo Manuel…
polo camiño traballado,
articulando procesos necesarios,
soberanos,
estando á altura dos nosos días,
na memoria nacional
á que o teu nome nos obriga
e festexándonos, coma non…
no que falamos
e festexándonos coma non
no que cantamos
e festexándonos coma non
no que facemos.

Velaí nesa esperanza…
nesa fonda protesta creativa,
o son orixinal dos nosos pasos…
na desobediencia,
na resistencia…
co factor humano imprescindible,
xa fóra de tanto calado sufrimento,
de tanto economicídio… xa fóra…!
pois semellaría aceptar o inadmisible,
consolidando así aquelas supervivencias
de rendidos con candeas apagadas
postos en tantas procesións continuadas…
de mentiras

Xa son horas que na forza das nosas verdades,
no máis sagrado dos nosos sentimentos
e sacando as nosas castañas do lume,
anticipemos pois as liberdades
e vaiamos pois a un novo ciclo histórico
no lugar arelado das causas xustas,
pois son horas de voarmos na unidade
e tratemos de nos ir fóra…
das gaiolas da gaiola,
e que ninguén… por certo…
quede dentro.

Setembro MMXVII – XIII aniversario de Manuel María

12 de set. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión