Ópera con Taller Atlántico Contemporáneo

Redacción.-

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) estrea este sábado 16 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, a súa segunda produción operística, Il segreto di Susanna (O Segredo de Susana). Esta ópera escenificada reunirá sobre as táboas a un total de dez artistas, incluíndo a Cándido Pazó, á soprano moldava Clara Jelihovschi Panas, ao barítono Javier Franco e aos músicos do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC). Así o adiantaron o pasado día 13 en rolda de prensa Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural; Jesús Couceiro, presidente da ADOC; José María Miranda, secretario da ADOC, e Luis Soto, membro do TAC.

Amigos da Ópera volve confiar a dirección artística a Cándido Pazó, quen -ademais de interpretar un dos papeis da obra- traballará co escenógrafo Carlos Alonso e iluminador Héctor Pazos. O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), baixo a dirección de Diego García Rodríguez, será o encargado de pór música ás voces dos xas citados Javier Franco e Clara Jelilohvschi Panas. Os intérpretes que conforman o TAC para esta produción son: James Dahlgren (violín), Nazaret Canosa (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Millán Abeledo (violoncello), Alfonso Morán (contrabaixo) e Nicasio Gradaille (piano).

Il segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto musicada por Ermanno Wolf-Ferrari, cun libreto de Enrico Golisciani e estreada en 1909. Un tour de force dun pequeno segredo que vai medrando á par que a inseguridade e a desconfianza de Gil, o marido de Susana; un matrimonio novo que reside no noroeste italiano de Piamonte. A moza omitiu comentarlle ao seu recente esposo que tiña o hábito de fumar ás agochadas. Gil, pola súa parte, decátase do cheiro e pensa que a súa esposa é infiel. Preocupado, trata de pescala in fraganti desenvolvendo case unha escena de vodevil na que o seu mordomo, Sante, cómplice de Susana, xogará un papel fundamental. A peza, polo tanto, xira ao redor da intimidade, os segredos, o vicio e os celos, aínda que abordados de xeito inxenuo e sinxelo.

As entradas xa están á venda e pódense adquirir a 10 euros a través da billeteira do propio Teatro ou mediante o web de entradas de Abanca.

https://entradas.abanca.com/TKET212/Index/13235/1/1

15 de dec. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión