Persoas Refuxiadas ConCiencia

Redacción.-

A xornada Persoas Refuxiadas ConCiencia nace como punto de encontro para reflexionar desde o contexto científico sobre os movementos de persoas refuxiadas. Dende a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade queremos salientar o potencial do coñecemento das persoas que se moven. Isto supón unha perda de talento das rexións das que saen e un incremento deste nas rexións ás que chegan, se estas lles brindan as oportunidades necesarias para desenvolver os seus talentos.

Trataremos de identificar histórica e socialmente estes movementos con relatorios de persoas expertas no exilio científico español e galego. Dentro desta perspectiva histórica, analizamos nomeadamente as leccións aprendidas e por aprender do antisemitismo.

Para evidenciar a perda de valores que se silencia desde o esquecemento contaremos con documentais que seguiron estas persoas nos movementos recentes, co obxectivo de facer presente a realidade actual.

Queremos poñer a énfase nas persoas xeradoras de ciencia para as que a condición de refuxiadas nun momento da súa traxectoria vital puido ou pode lastrar o desenvolvemento do seu talento científico. Para compartir estas realidades contamos cun investigador sénior e varios estudantes e investigadores en formación da USC que están a desenvolver as súas carreiras na actualidade e que compartirán vivencias persoais e científicas.

Finalmente, coas lentes da ciencia, analizarase na xenética a importancia da diversidade e a contribución das migracións a esta.

Imaxe: Gabriel Tizón

14 de feb. de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión