Cándido Pazó na Casa Museo Manuel María

Redacción.- 

O auditorio da Casa-Museo Manuel María, dentro da súa programación cultural, acolle este sábado, 5 de maio, o autor, director teatral, actor e narrador oral, Cándido Pazo. Este levará a cabo, ás 20.00 hrs, en Outeiro de Rei, unha sesión de historias e contos inspirada en textos e debuxos de Castelao.

Que comerá o rei?, é un espectáculo en que Cándido Pazó, coa palabra como única ferramenta, procura o humor agudo e tenro, a expresión sinxela e sutil e o trazo delicado e potente do xenial artista e político galego.

As entradas para ver a Cándido Pazó, e o seu espectáculo Que comerá o rei?, teñen un prezo de 5 euros, e pódense reservar por anticipado a través do teléfono 698 177 621 ou do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

A Casa-Museo estará aberta o 1 de maio e neste mes comeza o novo horario de verán

A Casa-Museo Manuel María estará aberta para as persoas que a queiran visitar este martes día 1 de maio. Neste mesmo mes comeza o horario de verán que se prolongará até o 30 de setembro inclusive. Así todos os sábados, domingos e festivos, salvo o 25 de xullo, a Casa-Museo permanecerá aberta en horario de 11 a 14 hrs e de 16.30 a 19.30.

30 de abr. de 2018

Visitas exprés aos museos de Lugo

Redacción. -

 Visitas breves e guiadas, cun percorrido temático acoutado por diferentes salas e dependencias de cada museo para coñecer aspectos concretos da nosa historia ou a obra de artistas de referencia.

Como norma xeral, este programa temático (agás outra indicación na proposta concreta) desenvólvese entre o 1 de maio e o 30 de xuño de 2018. A duración aproximada de cada sesión, 30 minutos.

 Museo Provincial de Lugo

»Visitas express temáticas

Estas visitas realizaranse  todos os días ás 12:00h. e, agás domingos e festivos, ás 19:30h.

As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo 5 minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e en caso de asistiren menores de idade deben ir na compaña dunha persoa adulta.

Tema 1: O mundo castrexo-romano no MPLugo

En xuño celebramos o “Arde Lucus” así que desde o 1 de maio ata o 30 de xuño ímonos achegar ao mundo castrexo-romano

Todos os días, polas mañás, ás 12:00h. Duración aproximada: 30’

Luns: Que sabemos da cultura dos castros e dos castrexos romanizados!

Martes: “Paulo Fabio Máximo. Legat Caesaris” A fundación de Lucus Augusti

Mércores: Lucus Augusti. Un campamento e unha cidade amurallada

Xoves: Aras, estelas, relevos e placas funerarias. Ritos mortuorios en Lucus Augusti

Venres: Mosaicos e esculturas romanas

Sábados: Numismática: ases, sextercios, denarios… e outras moedas

Domingos: Divindades indíxenas e romanas en Lucus Augusti

Tema 2: Museos hiperconectados: Enfoques novos, Públicos novos

O 18 de maio celebraremos, como cada ano, o Día Internacional dos Museos, nesta ocasión baixo o lema“Museos hiperconectados: Enfoques novos, Públicos novos”. Con esta proposta convidámoste a ‘conectar’ coas coleccións que alberga o MPLugo.

Todos os días, desde o 1 de maio ata o 30 de xuño polas tardes, ás 19:30h. Duración aproximada: 30’

Luns: Colección Xoán Anllo. Arte Africana

Martes: Sala Sargadelos

Mércores: Hiperconectamos coa exposición ‘De Picasso a Kapoor’ (do 2 de maio ao 20 de xuño).

Xoves: Gravados e debuxos no MPLugo

Venres: Conectamos coa exposición ‘Seoane’ (Sala Pazo de San Marcos: do 19 de abril ao 30 de xuño)

Sábados: Hiperconectamos coa exposición ‘De Picasso a Kapoor’ (do 2 de maio ao 20 de xuño).

Domingos: Conectamos coa exposición ‘Roberto González’ (MPLugo: a partir do 7 de xuño).

Museo Fortaleza San Paio de Narla

»Visitas express temáticas

Todos os días, ás 13:00h. e ás 18:00h., agás os luns.

As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo 5 minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e en caso de asistiren menores de idade deben ir na compaña dunha persoa adulta.

Martes: Activando as lapas da creatividade. 

Mércores: Mergullando nos oficios tradicionais galegos.

Xoves: O liño, da terra ao museo.

Venres: As pegadas do Renacemento en San Paio de Narla.

Sábados: A calor do fogar na Idade Media: o braseiro.

Domingos: O escrito e a palabra na Idade Media.

 Museo Provincial do Mar

»Visitas express temáticas: Refachos da memoria

Todos os días, ás 13:00h. e ás 18:00h, agás os luns.

As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo 5 minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e en caso de asistiren menores de idade deben ir na compaña dunha persoa adulta.

Martes: A todo trapo

Os diversos tipos de velas que van xurdindo ó longo da historia da navegación, irán dando paso á aparición de novas tipoloxías de barcos, máis rápidos, máis manexables, máis seguros, dándolle a os navegantes un maior control sobre do indomable vento.

De seguro que resulta apaixonante recoñecer os paus dun barco e diferenciar unha vela latina dunha cadra.

Mércores: Os facedores de barcos, unha especia en extinción

Votaremos a vista atrás, cara ós carpinteiros de ribeira, artistas da madeira, que durante séculos, coas súas mans encargáronse de crear artefactos capaces de sucar os mares e aguantar os seus bravos embates, pero que coa aparición de novas técnicas e novos materiais, están en serio perigo de extinción.

Xoves: A ruta das estrelas

Dende a noite dos tempos a humanidade sentiuse atraída  polos puntos de luz que compoñían caprichosas formas no escuro ceo, e despois de moito e moito observar, descubriron que eran os mellores faros, os mellores mapas para guialos nas súas singraduras, dando paso así a navegación astronómica e ao xurdimento de instrumentos de navegación tan apaixonantes coma o sextante.

Venres: Máis madeira

A aparición da máquina a vapor supuxo o principio da fin da navegación a vela, dándolle ós navegantes unha maior independencia ante os caprichos do deus Eolo.

Xa que no Museo do Mar temos o privilexio de contar cunha máquina a vapor aínda en activo, non nos podemos resistir a coller nas mans a aceiteira e pola andar para estudar o seu funcionamento

Sábados: A balea dentada

Navegando tras da estela de Moby Dick, descubriremos cales son as diferencias entre as baleas dentadas e as baleas barbadas, desfrutando da magnífica colección de mandíbulas de balea e dentes de cachalote coa que contamos no Museo do Mar.

Domingos: A balea, o porco do mar

Apetécevos facer un breve e sorprendente percorrido polos múltiples e curiosos usos que tiveron as diversas partes e produtos obtidos destes xigantescos cetáceos.

Asegurámosvos que vos quedaredes sorprendidos ao descubrir algún deles.

 useo Pazo de Tor

»Visitas express temáticas

De martes a venres, ás 10:30h.

As persoas interesadas deberán presentarse na recepción do museo 5 minutos antes da hora de inicio. O número máximo de persoas por visita será de 15 e en caso de asistiren menores de idade deben ir na compaña dunha persoa adulta.

Martes: Viaxar, exhibirse, moverse no cotiá no século XIX.

Mércores: O descanso, as camas de xergón de lá.

Xoves: A música que nos leva e nos trae do século XVIII ao XX.

Venres: A capela de Tor. Castinande, artista aínda descoñecido do século XX.

 

Museo Provincial de Lugo: 982 24 23 00 / 982 24 21 12 

Museo Fortaleza San Paio de Narla: 982 37 51 56

sanpaiodenarla@museolugo.org

Museo Provincial do Mar: 982 59 45 72

museodomar@museolugo.org

Museo Pazo de Tor: 982 16 55 34

pazodetor@museolugo.org
Xerencia da Rede Museística: 699 836 883

xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org

29 de abr. de 2018

Adiante.gal

Redacción.-

Nace adiante.gal, un xornal cooperativo en galego que busca outra maneira de contar o país desde un xornalismo lento e teimudo.

Adiante.gal é un xornal de entrevistas, opinións, reportaxes e análises impulsado por Adiante S. Coop Galega, unha cooperativa de traballo asociado constituída por tres socias e aberta a novas achegas desde este mesmo luns, 30 de abril.

Adiante.gal proponse informar desde a reflexión e o rigor, tomándose o tempo preciso para elaborar cada unha das historias, e desde unha pluralidade de voces na que cada colaboradora e colaborador ten o seu punto de vista.

Adiante.gal quere ser tamén unha plataforma na que as lectoras e os envolvendo ferramentas para elo.

Adiante.gal financiarase coas achegas das socias traballadoras e das socias 
promotoras, e cos recursos xerados a través apoio do apoio dos subscritores.

Contacto: ximenagonzalez@adiante.gal
redacción@adiante.gal
adiante.gal 
www.facebook.com/adiante.gal/
www.instagram.com/adiante.gal/
@adiante_gal

Cenlitrosmetrocadrado

Redacción. -

O estudio de deseño e comunicación Cenlitrosmetrocadrado conversa con Iago Pazos e David Barro na clausura de Exenta. Equipamento para creadores na sede da Fundación DIDAC en Santiago de Compostela.

Co gallo da clausura da exposición Exenta. Equipamento para creadores, inaugurada o pasado 18 de abril na Fundación DIDAC, o próximo luns 30 ás 19:30h terá lugar unha conversa entre Cenlitrosmetrocadrado, Iago Pazos e David Barro en DIDAC.

Exenta é o equipamento para acubillo de creativos que Cenlitrosmetrocadrado pensou para Cuarto Pexigo. Trátase dunha familia de mobiliario polivalente, capaz de resolver cun mínimo número de elementos, necesidades propias dun ámbito máis doméstico, así como outras relativas ao traballo. O feito de estar integrada por pezas exentas facilita a distribución no espazo con independencia da súa forma, que xunto coa posibilidade de poderse desmontar e pregar para o transporte e almacenamento, fai deExenta unha solución moi versátil.

 

28 de abr. de 2018

Mondoñedo é poesía 2018

Redacción.-

Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.

Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.

Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital por primeira vez dun poeta foráneo , o berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).

O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

 

RECITAL na RÚA

17:00h.-Praza do Seminario

Homenaxe á Escola Poética do Seminario

Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.

Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.

17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)

Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.

18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)

Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.

RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA

18:30h.

No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres.A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de  Marina Oural Villapol_MOV

 Agasallos aos asistentes

Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO:Mondoñedo é poesía 2014-2018

Edita: Asociación As San Lucas

Patrocina: Deputación de Lugo

Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.

Tirada: 600 exemplares.

A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.

TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS   

Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.

***

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Patrocinan: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.

25 de abr. de 2018

Exenta en Didac

Redacción.-

Exenta é o equipamento para acubillo de creativos que Cenlitrosmetrocadrado pensou para cuarto pexigo. Trátase dunha familia de mobiliario polivalente, capaz de resolver cun mínimo número de elementos, necesidades propias dun ámbito máis doméstico, así como outras relativas ao traballo. O feito de estar integrada por pezas exentas facilita a distribución no espazo con independencia da súa forma, que xunto coa posibilidade de poderse desmontar e pregar para o transporte e almacenamento, fai de exenta unha solución moi versátil.

A Fundación DIDAC reforza así o seu compromiso co deseño galego, en correspondencia co seu obxectivo de fomentar e poñer en valor o sector do deseño para a súa definitiva integración como parte indisociable da estratexia empresarial.

O cuarto pexigo é un espazo baleiro, no parque de Belvís, dispoñible para enchelo de cousas ou momentos. Un escenario nú. Un contenedor de historias. Un espazo versátil, efémero, mutante...En construción permanente. www.cuartopexigo.com

Cenlitrosmetrocadrado é un estudo de deseño e comunicación que se constitúe coa intención de ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Cunha identidade de marcado carácter atlántico desenvolve proxectos que van desde o gráfico, produto, espazos, ata a coordinación de equipas de traballo en ámbitos creativos.
cenlitrosmetrocadrado.com

Inauguración: o pasado mércores 18 de Abril. 20.00 horas.
Clausura da exposición: luns 30 de Abril. 19.30 horas. Cunha conversa entre Cenlitrosmetrocadrado, Iago Pazos e David Barro. 
Lugar: Fundación DIDAC. Pérez Costanti 12. 15702. Santiago de Compostela 
www.didac.gal


21 de abr. de 2018

Xa falta menos para o FIV

Redacción.-

A dúas semanas da súa celebración, o FIV de Vilalba van de colgar o cartel de agotado para todos os seus tickets. Éxito rotundo do festival que na súa edición 2018 inaugurará o artista Xoel López. Un logro en asistencia que se repetirá por terceiro ano consecutivo grazas a outras intervencións musicais como as de Lori Meyers, Novedades Carminha, La Habitación Roja ou Carlos Sadness.

O festival galego abrirá as súas portas o venres 27 ás 20:30h dando a benvida a un fin de semana repleto de boa música. Os encargados de quentar as táboas do Escenario Mahou serán os chiaremos Postergel ao nove da noite. Tomaralles a substitución o rock de Shinova para logo deixar paso aos pratos fortes baixo a estrela, Carlos Sadness antes de dar a medianoite e o prato forte: Xoel López pechará a xornada coa mellor música electrónica da man de David Kano DJ, a partir do tres da madrugada.

O FIV de Vilalba é, ademais dun festival, unha experiencia musical ao completo, na que se poderá gozar non só dos mellores concertos en directo, senón tamén dunha gran variedade de actividades culturais durante o fin de semana. O Auditorio Carmen Estévez de Vilalba, o 27 e 28 de abril, acollerá dúas interesantes conferencias: unha sobre o papel da radio nos festivais, e outra sobre a vida de David Bowie.

Unha homenaxe ao Duque Branco que continuará ao longo de todo o fin de semana no auditorio, grazas á especial exposición de Carlos Luxor que se exhibirá venres e sábado en horario de 12:00h a 19:30h. Unha mostra onde se poderán admirar unha gran diversidade de cadros sobre o artista que inclúen pezas únicas e de gran valor, para deleite dos seguidores de Bowie.

O cinema tamén terá protagonismo no FIV, coa proxección no Centro Cultural de dúas recoñecidas películas estreitamente ligadas á música: 'Idol', do director Hany Abu-Assad, que narra a vida do popular cantante palestino Mohammed Assaf; e 'A miña vida entre as formigas', o documental sobre a mítica banda de Rock Ilegales e o cantante e compositor, Jorge Martínez.

De momento, podemos gozar "Lodo", a proposta da directora e guionista Gigi Romeu para o primeiro videoclip de "Sueños y pan2, último disco de Xoel López. Unha peza sobre eses momentos nos que buscamos respostas, e tras descubrilas, mostrámonos tal como somos. Os fíos vermellos simbolizan esas situacións complicadas ás que nos enfrontamos. Enmarañados ao principio, aos poucos os nós vanse desfacendo e quedando libres. Porque ás veces case sen darnos conta superamos o maior dos obstáculos.

20 de abr. de 2018

Martín Camiña na Casa Museo Manuel María

Redacción.-

O ilusionista Martín Camiña presenta este sábado, día 21 de abril, ás 18 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, “Intres de asombro”. Esta actividade programada pola Casa-Museo e as ANPAs dos CEIPs Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e Otero Pedrayo de Rábade, vai dirixida para público familiar (a partir dos 5 anos).

“Intres de asombro” pódese definir como un espectáculo de maxia, humor e participación das espectadoras, composto en “chave de fa”: fabuloso, fascinante e fantástico. Xornais que cobran vida, cordas sorprendentes, froitas e moito máis, xeran a trama dun acto cheo de gags visuais, diálogos unidos ao sorriso e ilusionismos sorprendentes.

As entradas pódense reservar anticipadamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do teléfono 698 177 621. O prezo da entrada é de 2€.

19 de abr. de 2018

Divinas Palabras Revolution

Redacción.-

O Centro Dramático Galego (CDG) retoma as funcións para público xeral da súa nova produción propia, Divinas Palabras Revolution, que pode verse de xoves a domingo, ata o 29 de abril, na sede da compañía pública no Salón Teatro de Santiago. Mañá terá lugar, así mesmo, o primeiro dos dous Encontros co Público desta produción, durante os que os espectadores que asistan aos pases dos xoves terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo ao remate da súa representación.

Ademais desta iniciativa, con motivo da estadía de Divinas Palabras Revolution en Santiago o CDG puxo en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo.

Esta oferta –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao teléfono 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.

Os concursantes da casa
Xron dirixe esta adaptación, a primeira en idioma galego, da obra Divinas palabras de Valle-Inclán, que lle ofrece ao público unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal. Así, na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.

Os horarios das funcións xerais de Divinas Palabras Revolution son de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, Día do Espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os martes e mércores están a ter lugar os pases matinais concertados con institutos dentro da campaña escolar do espectáculo.
As entradas poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función.

Retrospectiva de Bergman no CGAI

Redacción.-

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia acolle ata finais de 2018 unha retrospectiva case completa do realizador sueco Ingmar Bergman para celebrar o centenario do seu nacemento. O máis recoñecido dos autores escandinavos conta cunha extensa filmografía na que figuran títulos esenciais da historia do cine como O sétimo selo ou Amorodos salvaxes.

Formado no teatro, cunha clara influencia de August Strindberg na súa obra, foi famoso polo seu coidado estilo visual e por destilar unha intensa dramaturxia na que destacan temas de carácter metafísico ou os seus profundos estudos dos estados da alma humana. Gañou o seu prestixio nos festivais europeos, sendo habitual de citas como Cannes, Venecia ou a Berlinale. A Academia de Hollywood concedeulle o Oscar honorífico en 1971.
O ciclo do CGAI comeza mañá martes ás 20,30 h. con Xogos de verán, primeira parte da súa triloxía sobre o período estival, que segue con Un verán con Mónica (pases o 19 de abril) e Sorrisos dunha noite de verán (proxeccións o 24 de abril). Esta triloxía caracterízase, nas dúas primeiras entregas, por presentar historias dramáticas de amores mozos. Na última parte Bergman pasa á comedia de época, cun filme destacado pola crítica que lle valeu o seu primeiro galardón en Cannes e varias homenaxes posteriores; a máis coñecida, a que lle faría Woody Allen en A comedia sexual dunha noite de verán.

Unha icónica partida de xadrez

Logo destes filmes, o sueco entra nunha das súas etapas máis creativas, dirixindo en 1957 as que serán dúas das súas obras mestras: Amorodos salvaxes (pásase o 26 de abril), unha sorte de road-movie que conta a viaxe física e espiritual que un vello e reputado médico realiza coa súa nora; e O sétimo selo (no CGAI o 24 de maio), sobre un cruzado que volve a Terra Santa no século XIV para se enfrontar á morte nunha xa icónica partida de xadrez.
Estas dúas fitas inauguran a etapa de contido simbólico de Bergman, logo de varias centradas en boa parte no peso psicolóxico que soportan os seus personaxes. O soño, os desexos máis profundos da alma, o metafísico... O seu cine toma unha deriva existencial pola que será principalmente recordado o autor.
1957 é o seu ano. En febreiro gaña o premio da crítica por Amorodos salvaxes na Berlinale e en maio faise co premio especial do xurado por O sétimo selo en Cannes. O impacto internacional destas películas converte en estrela a Bibi Andersson, protagonista nas dúas logo de ter traballado xa con Bergman en Sorrisos dunha noite de verán.
Impresionante estilo visual

Outra das actrices-fetiche do autor será Liv Ullmann, quen en 1968 protagoniza dous filmes de clara expresión crítica de Bergman, ambos situados en illas nas que acontecen inquietantes sucesos. A hora do lobo (pases o 6 de xuño), en torno a unha parella que se ve atrapada por presenzas demoníacas, está hoxe considerado un dos cumios do terror psicolóxico, mentres que A vergoña (13 de xuño) adopta unha posición máis alegórica e de ataque directo á guerra de Vietnam.
Benefícianse as dúas da impresionante fotografía de Sven Nykvist, outro dos habituais colaboradores de Bergman, que dotou de peso visual a obra máis madura do director. Pode que a súa película máis coñecida sexa Persona, que reúne precisamente a Bibi Andersson e Liv Ullmann. Este filme programarao o CGAI á volta do verán, xunto con outros salientables títulos do director que se sucederán ata finais de 2018.