Baldo Pestana na Cidade da Cultura

Redacción. -

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o director de Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet, inauguraron o 30 de abril na Cidade da Cultura de Galicia Baldomero Pestana, a verdade entre as mans, exposición que ambas institucións organizan de xeito conxunto para recuperar e pór en valor a obra do fotógrafo galego (Castroverde, Lugo. 1917-2015), descoñecido para o gran público, pero un referente da imaxe na segunda metade do século XX.

A mostra sobre Baldomero Pestana chega ao Museo Centro Gaiás, tras recibir máis de 10.000 visitas durante os seus dous meses (desde o 15 de febreiro ao 8 de abril) na sede en Madrid do Instituto Cervantes. O proxecto está comisariado polo escritor Juan Bonilla e a galega Chus Villar, que estivo presente na inauguración, xunto aos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, responsables dos fondos de máis 17.000 negativos e obxectos persoais como documentos, cartas e cámaras de fotos que tamén se amosan na exposición.

Román Rodríguez subliñou a transcendencia deste proxecto para “pór en valor e difundir” a obra de Baldomero Pestana e para rescatar a un “mestre da cámara, descoñecido para o gran público” como o foron no seu momento, segundo lembrou, José Suárez o Virxilio Viéitez. “Descoñecidos egrexios que debemos tratar de recuperar e situar no lugar que merecen para salvagardar todas as luces do noso legado como pobo”, reivindicou o conselleiro.

De igual xeito, erixiu esta exposición como a “máis completa” realizada ata o momento sobre Pestana, na que se exhiben 158 fotografías, imaxes de denuncia social e retratos cos que inmortalizou a grandes escritores e intelectuais da literatura iberoamericana como Pablo Neruda, García Márquez, Vargas Llosa, Blanca Varela ou Norah Lange e tamén artistas como Dizzy Gillespie ou Man Ray.

Saldar unha débeda pendente

Pola súa banda, Juan Manuel Bonet ratificou o “interese compartido” coa Cidade da Cultura de “recuperar” a obra dunha “figura central” na galería dos fotógrafos hispanoamericanos do século XX e incidiu en que, con esta exposición, “sáldase unha débeda pendente” cun retratista “excepcional” cunha luz “vermeerina” na súas composicións. Ademais, enxalzou o seu “magnífico” labor como como fotógrafo social, á vez que salientou a súa capacidade de “atrapar” nos seus negativos “a alma” de cidades como Buenos Aires, Lima ou París.

“Agardo que esta exposición se converta no retrato definitivo que fixe na nosa memoria a verdade do seu talento de galego universal”, reclamou Bonet, quen rematou a súa intervención amosando o compromiso do Instituto Cervantes para dar a coñecer dentro e fóra de España a obra de Pestana, xa que a vindeira parada desta mostra —tras a súa clausura o 2 de setembro na Cidade da Cultura— será en París, cidade que o marcou persoal e laboralmente.

Finalmente, a comisaria da exposición, Chus Villar, chamou a atención non só sobre a “calidade artística” das fotografías, senón tamén sobre a “extraordinaria biografía” dun galego que percorreu o mundo cunha “ollada sensible e intuitiva, de admiración, de humildade e de interese polo detalle, por riba da procura do espectáculo”.

Peza audiovisual

Precisamente para achegarse á vida e ao universo creativo de Pestana, na exposición exhíbese unha peza creada ex profeso e extraída do documental ‘A imaxe reb/veleda’, produción dirixida por Andrea Vázquez García, producida por Miramemira e que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo, despois do seu regreso a Galicia.

Este mostra enmárcase nos proxectos expositivos da Cidade da Cultura para recuperar e pór en valor artistas galegos cunha gran calidade e cun importante recoñecemento no seu tempo e que foron inxustamente esquecidos, como é o caso de José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974). Precisamente, José Suárez. Uns ollos vivos que pensan remata a súa itinerancia este ano no Museo de Belas Artes da Coruña, tras a súa inauguración en 2015 no Museo Centro Gaiás e tras percorrer Madrid, Bos Aires, Montevideo, París, Toquio, Nova Delhi e Salamanca.

Deseño da montaxe e programa de actividades

O deseño da montaxe da exposición corre a cargo da Oficina Técnica da Fundación Cidade da Cultura que baseou a súa proposta na cinta/banda de Moebius e ofrece un percorrido circular ao visitante coa idea de reflectir o periplo vital de Baldomero Pestana: saída de Galicia, de cativo, e volta xa na vellez, tras percorrer Arxentina, Perú e Francia.

A exposición complétase cun catálogo bilingüe de 322 páxinas cunha tirada de 1000 exemplares, cuxo deseño correu a cargo de NUMAX, e cun programa amplo de actividades co fin de rescatar e pór en valor este fotógrafo e a súa obra, aos que se lle suma as visitas comentadas, e de balde. Toda esta información pode consultarse na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: www.cidadedacultura.gal.

3 de maio de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión