Redacción .-
A obra Somos os monstros válelle a Paula Carballeira o seu terceiro Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivera na súa primeira convocatoria en 2006 con Boas noites e en 2011 con O refugallo.
Nesta décima edición, o xurado foi unánime na decisión de elixir o seu texto como gañador, incidindo na súa “boa carpintaría dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña dos xogos infantís”. Así, os seus personaxes, situacións e diálogos semellan de debuxo sinxelo, mais logran transmitir un trasfondo potente e un universo simbólico suxestivo e interesante para o espectador infantil e adolescente. A autora aborda aquí o mundo dos monstros que, na súas palabras, “ás veces, moitas veces, non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello”.
Paula Carballeira dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende hai máis de vinte anos e é autora de numerosos libros, principalmente de literatura infantil e xuvenil: os devanditos O refugallo e Boas noites, Paco, Correo urxente, Smara, A burra Ramona ou Misterios, citando só algúns dos seus títulos premiados. Membro da compañía Berrobambán dende 1996, a súa traxectoria como directora e actriz desenvólvese tamén en proxectos escénicos doutras compañías. Participou como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar en diferentes series e espazos da TVG.
0 comentários :
Danos a túa opinión