Antón de Guizán. -
O Ministerio de Cultura vén de conceder recentemente e por cuarta vez (as tres últimas consecutivas) o Premio María Moliner á Biblioteca Municipal de Xermade polas súas campañas de animación á lectura e pola xestión da biblioteca. Catro premios e deles tres seguidos nos últimos tres anos, non son casualidade, e si telos gañado representa un mérito en si mesmo, que tal feito aconteza nun pequeno concello do rural chairego de apenas 1.700 habitantes, o recoñecemento acada un grande valor.
O premio valora "a claridade, a orixinalidade e innovación, as boas prácticas na labor bibliotecaria, a planificación e a viabilidade dos proxectos".
Concellos da contorna, máis grandes e dotados económicamente, esquecen ou teñen nun segundo plano a súa aposta polos libros, o fomento da lectura nas idades máis pequenas e en definitiva a aposta pola cultura desde o máis básico, os libros e os lugares onde achegarse a eles, as bibliotecas.
En tempos nos que as televisións e as redes sociais enchen o tempo e as cabezas dos nosos rapaces de cultura-lixo de consumo rápido, que unha localidade do rural castigada pola perda poboacional, o abandono de explotacións, o avellentamento da veciñanza, e as malas perspectivas de futuro siga a apostar polo mantimento dunha biblioteca pública e que esta sexa recoñecida a nível de estado, non deixa de ser um feito importante á vez que sorprendente e do que debemos sentirnos fachendos@s.
Xermade mantén no centro da capital do concello un fermoso edificio no que María González Cabarcos, a súa responsábel, fai verdadeiros milagres para manter e dar uso, facendo deste templo da lectura o lugar máis salientábel deste pequeno municipio, que leva anos a ser coñecido (e recoñecido) no estado por algo tan prestixioso como é a aposta polos libros e a cultura.
Máis aló de grandes eventos para as galerías mediáticas, de apostas puntuais e desfile de figuras, a Biblioteca de Xermade amosa un traballo contínuo e "silencioso" digno de admiración e respeto que deberían seguir no noso rural e mesmo algunhas importantes vilas, carentes de biblioteca nalgúns casos ou desorganizadas e mal dotadas noutros. A biblioteca de Xermade, ademais de incrementar o seu fondo cos 1.700 euros do premio, gaña cada ano o seu dereito a seguir existindo e demostra que as bibliotecas teñen que ter un espazo, máis necesario que nunca no noso rural, e que tal e como os nosos emigrantes entenderon a comenzos do pasado século que o futuro pasaba pola cultura construíndo escolas no noso rural, hoxe sigue a ser a cultura a maneira de sair do atraso mantendo e mellorando as bibliotecas onde existen e creando outras aló onde non hai. Moitas das escolas indianas abandonadas ou pechadas terían un grande destino albergando centros sociais e bibliotecas, recuperandoas e dándolles vida novamente, convertíndose en centros de convivencia arredor da cultura, os libros, actividades e xuntanza.
O exemplo está aí ao lado e a persoa na que asesorarse, tamén, chámase María González Cabarcos. Vaian desde aquí os parabéns para ela, a biblioteca e un concello "de libro" chamado Xermade.
0 comentários :
Danos a túa opinión