Redacción.-
Con motivo do Bicentenario do Museo Nacional del Prado, o Museo Provincial de Lugo pretende sumarse a esta celebración poñendo en valor os depósitos aquí expostos e recibidos en diferentes entregas ao longo do tempo.
Xa no ano 2010 ao cumprirse setenta anos dos inicios da relación entre ambos museos se realizou unha importante exposición, froito da cal se editou un catálogo da autoría de María Quiroga Figueroa, ambas iniciativas realizadas en colaboración coa conservadora Mercedes Orihuela.
Dende a súa creación o Museo Provincial de Lugo tivo relación co Museo Nacional do Prado posto que a Junta de Gobierno del Museo Arqueológico y de Bellas Artes (así se denominou inicialmente o Museo de Lugo), solicitaba obras para incrementar as coleccións de Belas Artes deste museo creado en 1932 e inaugurado en 1934 nas dependencias do actual pazo de san Marcos.
As obras que conforman o depósito do Museo do Prado no MPL están datadas entre os séculos XVI ao XIX e suman 28 pinturas e dúas esculturas.
En relación co Bicentenario do Museo do Prado, dentro das actividades a realizar polo MPL neste ano 2019, coordinadas pola súa dirección a través dos departamentos de Belas Artes e Restauración, estase facendo a restauración dun cadro atribuído a Guido Reni (Bolonia 1575-1642) titulado ‘Cabeza de Apóstol’ e con tal motivo a restauradora da pinacoteca nacional, María López Villarejo, visita as nosas dependencias este luns, 22 de abril, para supervisar o proxecto que leva a cabo Blanca Besteiro no Museo de Lugo.
Unha vez rematado este traballo daremos a coñecer ao público interesado tanto o propio proxecto como os seus resultados e expoñerase a obra intervida. Así mesmo, haberá outras iniciativas para por en valor esta efeméride e, por ende, os fondos do Museo Provincial de Lugo.
Máis información: Aurelia Balseiro García, directora MPL. 982242112 / direccion@museolugo.org
0 comentários :
Danos a túa opinión