As mulleres de Insua e o liño

Redacción.-

O vindeiro venres, 3 de maio de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, organiza o acto de presentación do libro “As mulleres de Insua e o liño. Dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica”, da vilalbesa Miriam Fernández Otero, que foi editado polo propio IESCHA e financiado pola Deputación de Lugo, segundo o estipulado no convenio suscrito entre as dúas entidades para o presente ano.

Intervirán no acto, ademais da autora do libro, Xosé Ma Felpeto Enríquez, Mario Outeiro, Eduardo Vidal Baamonde e Marisa Barreiro Mejuto.

“(...) Malia ás adversidades, estas emprendedoras botaron pés ao camiño sen se deixar levar polo lema "Déixenos pensar por vostede" que rezaba no rótulo dunha axencia publicitaria lucense e que tanto me deu que cavilar na miña adolescencia estudantil. Non repararon tampouco no refrán popular "Pouco gaña a vella fiando, mais gaña menos mirando", e coidando que serían máis útiles á sociedade e mesmo máis felices, apreixaron con agarimo un porvir que semellaba incerto. Daquela, con máis ilusión ca recursos, argallaron o que semellaba imposíbel: recuperar non só o ancestral cultivo do liño, senón tamén montar o ciclo completo até a elaboración dos tecidos. Sen dúbida este grupo de afoutadas non se resignou a deixar morrer a secular cultura do liño, e de xustiza é recoñecérllelo.

Todo ese inxente labor vese agora reflectido neste libro de Miriam, unha desas mulleres que seguramente observou no rostro da súa mai e das compañeiras a ledicia de teren conseguido o obxectivo. A publicación debulla polo miúdo de forma documentada tanto o traballo da Asociación coma o patrimonio material e inmaterial referente ao liño. Houbo que agardar unha década, xaora, mais pagou a pena, madía leva. Parabéns a todas e azos para que o logrado permaneza mentres a Chaira dure. Amén.” (Chema Felpeto, no Limiar do libro)

MIRIAM FERNÁNDEZ OTERO é unha xove historiadora vilalbesa que naceu na parroquia de San Bartolomeu de Insua no ano 1990. Dende moi cativa espertou nela un forte interese pola historia o patrimonio, feito que anos máis tarde a levaría a cursar estudos superiores en Historia da Arte en Santiago de Compostela, así coma a especialización en Servizos Culturais e Xestión do Patrimonio cultural. Os seus intereses e formación abarcan tamén outros ámbitos, como a cultura e a arte galega, a museoloxía, a investigación, a etnografía, o téxtil e o estudo da arte e a cultura do Mundo Antigo.
Na súa traxectoria profesional destaca a realización de informes para a restauración de bens patrimoniais (retablo da Virxe dos Desamparados e pinturas da cabeceira da Igrexa do Mosteiro de Santa María de Meira 2015/2016), a colaboración mensual no xornal Terra Chá Xá cunha sección sobre Patrimonio Chairego ou os artigos de investigación publicados no Boletín do Castro de Viladonga (2016/2018), entre outros estudos.

Integrante da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua dende os seus comezos en 2007, desenvolveu un intenso traballo de investigación para a recuperación do cultivo tradicional do liño e toda a cultura xerada ó seu arredor, participando ademais coma poñente na mesa redonda da Tasca do Liño (2015-2016) mediante disertacións sobre a historia do tecido e a muller e o téxtil. Coa estreita relación obtida dentro universo do tecido, iniciou neste período a súa formación para a obtención da Carta de Artesá en tear, outorgada en 2016 pola Xunta de Galicia.

1 de maio de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión