CantarELAS, o novo espectáculo de Leilía

Redacción.-

Leilía presenta un novo espectáculo coa dirección escénica de Quico Cadaval, CantarELAS é un agarimoso percorrido pola historia de este grupo de mulleres que leva traballando profesionalmente dende o ano 89, 30 anos recuperando no seu repertorio a tradición oral galega. No espectáculo axuntan temas emblemáticos do grupo con outros menos coñecidos, sempre cunha coidadísima posta en escena dun grupo que xa forma parte do maxín colectivo galego.
O novo espectáculo, en xira dende primavera, xa ten pechadas as súas 8 primeiras datas; unha xira que comeza nas Neves o próximo 16 de maio no que promete ser unha experiencia musical inesquecible. Leilía, que xoga como ninguén coa tradición e a modernidade busca conectar en CantarELAS a orixe coa actualidade pasando polas diferentes sonoridades do grupo.
Leilía nace no ano 89 da man de seis mulleres que, cunha aposta pioneira e atrevida, se propoñen recuperar do esquecemento a tradición oral galega. Ao son de pandeiretas e voces pronto agromaron os froitos grazas á singularidade e beleza da música de raíz.
A mediados dos 90 publican “Leilía” (Dismedic), abrindo un camiño propio, un traballo composto exclusivamente por pezas tradicionais. Nesta mostra etnográfica as melodías evocan un tempo pasado que, a pesares de agonizar, resístese a esvaecer. Con esta publicación obteñen un fondo recoñecemento de crítica e público que descobre un xeito de expresión oral ata daquela practicamente descoñecido na nosa sociedade.
Unha vez sentados os cementos atrévense a dar un paso máis: achegar a música do pasado ao presente por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais. Así nace “I é verdade i é mentira” (Virgin Records) (1998) baixo a produción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro. Este novo paso permitiulles achegarse a un novo público dando continuidade ó pasado a través do presente.
No ano 2003 publican «Madama« (Discmedi) no que seguindo a estela do anterior traballo incorporan un novo elemento: letras de temática actual. Para iso contan coas mans amigas de Xoan Porto, produtor musical, e coa inestimable colaboración de Suso de Toro que dixo delas que eran “as voces secretas do canto galego”.
No ano 2005, coincidindo co seu 15º aniversario, publican «Son de Leilía« (Leilear), un percorrido pola historia do grupo no que se reflicten as raíces tradicionais e as pezas máis evolucionadas pasando polas diferentes colaboracións que fixeran. A mestura dá lugar a un traballo no que o pasado convive coa actualidade e no que teñen cabida os temas que foron gravando con artistas como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz... xunto a temas inéditos como a peza central da banda sonora da película Fisterra.
Ás portas do 2012 sae á luz CONsentimento, un traballo onde as melodías tradicionais recollidas por Leilía se engalanan coas letras creadas por destacadas escritoras e polos arranxos musicais feitos por Xoan Porto. Un disco, que sen deixar de soar a Leilía ten corpo e gusto propio.
Agora, coincidindo cos 30 anos do grupo, presentan CantarELAS, un novo espectáculo que dará moito que falar.

5 de maio de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión