Redacción.-
Xermolos de Guitiriz vén de abrir o prazo para o XL Certame Terra Chá, un concurso que se encadra dentro dos actos do Festival de Pardiñas, que este ano celebrará os días 2, 3 e 4 de agosto catro décadas de vida. Admitiranse obras nas seguintes especialidades: contos, debuxo, poesía, teatro, documentais, fotografía, cómic, murais, grafiti, vídeo-creación, improvisación oral, regueifas e rap. Cada traballo deberá ir acompañado do nome e apelidos do autor, así como do seu nivel e centro de ensino. Haberá dous grupos de premios da mesma calidade e cantidade, uns destinaranse aos alumnos dos centros educativos da comarca chairega e, os outros, para aqueles que cheguen desde colexios, escolas ou institutos doutras partes de Galicia. Os galardóns concederanse nos niveis de educación infantil, nos tres ciclos de Primaria, os dous de Secundaria e en bacharelato. Haberá premios para os tres mellores de cada nivel e especialidade, que se repartirán en material e libros valorados en 60 euros para o primeiro; 50, para o segundo, e 30, para o terceiro.
0 comentários :
Danos a túa opinión