III Premio Agustín Fernández Paz

Redacción. -

Ata o día 12 de xullo segue aberto  o prazo de presentación de traballos para o III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, promovido polo Instituto de Estudos Chairegos e polo Concello de Vilalba, coa colaboración de Edicións Xerais de Galicia, na honra de Agustín Fernández Paz.

BASES III PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Primeira.
Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática  vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…

Segunda.
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros.
Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables segundo a lexislación vixente.

Terceira.
A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que se reserva os dereitos de edición da obra premiada nos 1.500 primeiros exemplares. Entregaránselle ao/á gañador/a 30 exemplares.

Cuarta.
A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4.
Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.

Quinta.
O prazo de presentación de orixinais comezará o 23 de abril de 2019, Día Internacional do Libro e prolongarase até o día 12 de xullo de 2019 (terceiro cabodano de Agustín Fernández Paz).

Sexta.
O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio cultural. Emitirá o ditame, que será inapelable, en outubro de 2019.
O xurado poderá declarar o premio deserto.

Sétima.
A entrega do premio terá lugar nun acto do que se dará conta oportunamente.

Oitava.
Os orixinais remitiranse a:
III Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade
INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS
Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura)
Apartado de Correos , nº 39
27800  Vilalba (Lugo)

Novena.
Os orixinais non premiados poderán recollelos os/as respectivos/as autores/as no local do Instituto de Estudos Chairegos (Casa da Cultura de Vilalba) durante un período máximo dun mes despois do ditame do premio. Os que non se recollan nese prazo serán destruídos.

Décima.
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

24 de xuño de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión