Alba Sofía Naseiro Lamas.- Levamos dúas semanas de busca intensiva, sen resultado. Parece mentira
que nos sexa máis difícil atopar aloxamento en Compostela que en Barcelona. A
Voz de Galicia xa nolo viña advertindo: os alugueres vacacionais comezan a
establecerse na capital galega, prexudicando ao modelo de aluguer máis
habitual, é dicir, os pisos para estudantes universitarios.
Si, xa coñecemos o fenómeno Airbnb e a terrible tentación que supón
para os propietarios gañar máis cartos ao ter os pisos alugados de forma
estacional, sen ter que aguantar aos inquilinos durante todo o curso escolar. O
que me parece terrible é que en Barcelona, o lugar máis resentido da península
por este fenómeno, nos fóra máis fácil atopar un bo aloxamento, unha vez te
resignas aos desorbitados prezos froito deste problema. Refírome á actitude dos
propietarios, por suposto.
Sempre me deu a impresión de que os propietarios dos pisos de Santiago
son xente desconfiada, que cando te ten de inquilino cre que che está facendo
un favor, non ofrecerche un servizo a cambio dun beneficio económico. Son
libres de esixir condicións que non teñen nada que ver co intercambio de bens e
servizos orixinal, e que non atopamos no noso periplo por Barcelona. Estes
propietarios, de forma xeneralizada, non admiten mascotas, fumadores, parellas,
ou incluso persoas de xénero masculino. Isto último é especialmente curioso,
porque moitos dos que buscan só inquilinas son homes, e resulta moi incómodo
pararse a pensar nas razóns desa criba. Algún ano chegueime a atopar unha
propietaria que, ao anunciarlle que ocuparíamos catro persoas as tres
habitacións que ofrecía, quixo subir o prezo do aluguer.
A miña experiencia falando con axentes inmobiliarios e algúns
propietarios deume a entender que os donos das vivendas teñen unha imaxe moi
negativa dos posibles inquilinos. Entenden que os estudantes (a maior parte,
pero lembremos que non son os únicos que precisan vivir de aluguer) son
descoidados, irresponsables e suxos. Podo comprender que algúns tiveran malas
experiencias cos seus inquilinos, pero négome a pensar que a maioría dos casos
sexan así, e pagan xustos por pecadores. E o peor é que a desconfianza
esténdese aos que non estudan, a xente que se supón máis madura, traballadora,
que simplemente non ten unha vivenda en propiedade, ou que lle resulta máis
económico e cómodo alugar un piso máis preto do seu traballo que desprazarse
todos os días dende a súa casa noutro concello.
É necesario puntualizar que o aluguer en Barcelona está realmente máis
difícil que aquí, pero os problemas son diferentes: os prezos están
absurdamente inflados e a única preocupación de propietarios e inmobiliarias é
cobrar. É necesario asegurar, como inquilino, que vas a ser solvente durante
todo o tempo que esteas na vivenda, mediante avais e certificados de emprego. E
o impago do aluguer, entre outras causas, leva consigo a maior das traxedias
que lle pode ocorrer a unha familia falando de vivenda: un desafiuzamento.
En Santiago, de momento, non se fan as cousas da mesma maneira.
Prefiren previr que curar, aínda que deberían saber que para algo se inventaron
as fianzas, para solucionar problemas cos inquilinos. Ben, ao mellor non
coñecen realmente o mecanismo, porque tamén souben de propietarios que non
devolven as fianzas por causa dun electrodoméstico antigo que non funciona,
cando o desgaste derivado do uso normal dun obxecto non é causa legal para
negar a devolución dunha fianza.
Quería rematar esta pequena reflexión puntualizando un dos aspectos
desta desconfianza que, malia ao que podiamos pensar, é máis problemático en
Galiza que na cidade condal: as mascotas. Barcelona está chea de cans, cans
soltos, cans grandes, cans pequenos. Non adoita haber problemas con eles nin no
ámbito público nin no privado. Cando chegamos ao noso piso barcelonés por primeira
vez dixéronnos que o piso era ideal para familias con mascota, porque tiña un
patio interior. Hai unha tolerancia enorme cos animais de compañía. En Galiza o
tema das mascotas, ao igual que o aluguer, tamén se caracteriza pola
desconfianza: a maior parte das cidades carecen de grandes espazos para ter
cans soltos, para que gocen dun pouco de liberdade. A maior parte de parques
teñen minúsculos “pipicáns” e as grandes superficies verdes están destinadas
aos seres humanos, prohibindo a entrada de mascotas ou limitándoas a ser
levadas con correa. Xa explicamos que no ámbito do aluguer o máis habitual é
negar o dereito de admisión a mascotas, pola razón que sexa. Iso faime pensar:
é que para compartir a túa vida cun animal precisas ter unha vivenda en propiedade?
E, polo xeral, a xente adoita desconfiar do comportamento dos cans pola rúa.
Pode que sexa unha herdanza xenética daqueles labregos temerosos do ataque dos
lobos, non o sei. Pero isto, como dicía o autor, xa é outra historia.
0 comentários :
Danos a túa opinión