A Xira da vida

María Xosé Lamas.-

Era moi nena, a remate dos sesenta, non lembro o ano con exactitude, cando fun por primeira vez de merenda á Xira do San Ramón –naquel intre, o sábado anterior á Feira- no Chalé do Crespo. A quen si lembro é aos comensais: meus pais, miña madriña, miña irmá Elsa –a pequena, Pili, aínda non existía- e meus tíos de Cas Paredes. Era unha festa máis das que se adoitaba asistir toda a xornada, como o San Pedro de Santaballa, o Carmio de Lanzós ou o Rosario de San Simón.
A partir de comezos dos setenta, como xa viviamos na vila, deixamos de preparar a merenda para fóra e celebrabámola na casa, por entón, na rúa das Pontes de García Rodríguez. De xeito que até as festas do ano setenta e oito, cando fun dama de honra de brazo do finado e sempre estimado Andrés Baamonde, non volvera a partillar as viandas do xantar naquel fermoso emprazamento. Contaba con dezasete anos acabados de cumprir e unha cicatriz recente da intervención de apéndice á que me someteran dúas semanas antes, mais nada impediu que o pasara de marabilla.
Os avatares da vida mantivéronme afastada por outra longa tempada deste evento do que volvín a gozar máis tarde, e por unha morea de anos, coas amizades da xuventude,  xa na Madalena. Xuntabámonos días antes para facer os preparativos e distribuír as tarefas: uns reservaban o sitio e preparaban as mesas de táboas, outros encargaban as empanadas, outros as abondosas bebidas –que non faltaran- e todos e todas engaiolabamos ás nosas nais para que nos prepararan as suculentas tortillas, empanadillas, croquetas ou ensaladiña das que sempre sobraba para a cea ou convidar a cantos se achegaran á merenda.
Máis tarde, acudín á Xira como voluntaria da Cruz Vermella durante varios anos. A carón da caseta presidida pola ambulancia, nas horas en que aínda non se agardaban máis incidentes que algunhas rozaduras e picadas de tabáns ou avésporas,  gozabamos en compaña de voluntarios que se achegaban de asembleas doutras terras das copiosas viandas que recibiamos vía cátering dalgún restaurante da vila, encargadas polo presidente, Pepe Apenela.
Lembro unha en especial, no ano noventa e seis, á que non acudín como comensal, mais si polo serán coa miña filla Alba Sofía de poucos meses. Nesa ocasión, visitei aos amigos cos que compartira tantas veces esta xornada e Ana Belén presentoume á súa parella, César, que tomou en brazos á pequena e non a soltou por varias horas. Tal era a tenrura que ambos sentían que eu mesma non ousaba separalos.
O tempo foi pasando e o día da Xira acabou converténdose por anos nunha xornada de  preocupación desa nai que agarda na casa as novas dos seus fillos que gozan do mesmo ca ela no seu tempo, pero dende outra perspectiva…
Hoxe, xa cos fillos adultos, visitei de novo a Xira e lembreime de todo o vivido nela dende nena, de seguro que non moi diferente da experiencia de moitas e moitos vilalbeses a través dos anos que nos levan.
María Xosé Lamas, a 24 de agosto do 2019.

26 de ago. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión