Punto e seguido

Redacción.-

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, inaugúrase o vindeiro mércores en Lugo.

FEGADACE e ADACE Lugo (Asociación de Dano Cerebral de Lugo) convidan a asistir ao acto, no que van intervir a presidenta da entidade, Ángeles Rozas, e algunhas das persoas retratadas nas imaxes e no vídeo que as compaña. As persoas asistentes tamén terán a oportunidade de asistir á estrea deste vídeo, que foi tomado en ADACE Lugo e que complementa o principal da campaña Punto e seguido.

A mostra vai estar exposta en La Ferretería ata o 1 de outubro. Poderá verse en horario de 17:00 a 20:00 de luns a venres, e os sábados de 10:00 a 14:00.

Proxecto 'Punto e seguido'

A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro da Federación. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia... en definitiva, a vida despois do “punto e seguido” que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Tanto as imaxes como o vídeo foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a organización da exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.

Acto aberto

O acto é completamente aberto. Do mesmo modo, está permitida a toma de imaxes e gravación en audio e vídeo dos contidos do mesmo.

FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.


Hora: 19:00
Lugar: La Ferretería (Rúa San Froilán, 11, baixo - Lugo)
Asunto: Inauguración de exposición ‘Punto e seguido’

11 de set. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión