XI Lúas de Outono


Redacción.-

Cando se cumpren 15 anos do falecemento de Manuel María na cidade da Coruña, a Fundación que leva o seu nome organiza un ano máis o espectáculo “Lúas de Outono” que se desenvolverá no Teatro Rosalía o próximo mércores día 25, ás 20:30h, con entrada libre até completar o aforo, podendo retirarse o convite no propio teatro o mesmo día entre as 16 e as 20 horas.
As “Lúas de Outono”, en palabras de Alberte Ansede, secretario da Fundación, “son un xeito de difusión da súa obra literaria e, tamén, dos valores que el defendía e practicaba. Non é pois unha mirada nostálxica cara ao pasado, senón unha celebración da palabra viva e comprometida que nos legou o escritor.”. 
A presente edición céntrase nun feito histórico no que Manuel María tivo unha participación importante: o nacemento da NOVA CANCIÓN GALEGA que se produciu hai 50 anos. Foi concretamente o día 1 de decembro de 1968 cando se realizou o concerto de presentación deste novo movemento musical que aglutinaba un grupo de mozos universitarios que pasaron a cantar en galego e, ademais, moi alonxados do folclorismo franquista. Correspondeulle a Manuel María facer a presentación deste histórico concerto que supuxo o punto de partida da canción galega, é dicir da canción feita en galego e que fala dos problemas de Galiza tratando de recobrar a tradición da lírica medieval na que, ademais de “doces e tenras cantigas de amor”, os nosos trobeiros e xograres daban testemuña da crúa realidade que tiñan diante de si.
Alén de ser o presentador de aquel concerto, Manuel María alimentou este movemento coas súas propias letras e, sobre todo, ao contribuír á publicación dos seus discos no selo EDIGSA-XISTRAL. EDIGSA era un selo catalán que xa publicara en concerto con GALAXIA algúns discos en galego traducidos do francés e do inglés e cantados por voces catalás. Mais posteriormente, o selo catalán vaino facer con EDIGSA, selo patrocinado polo propio Manuel María.
En definitiva, en 1968 a canción galega comeza un camiño novo, autónomo, construído desde aquí, buscando unha estética propia... un camiño que xa ten dado moitos frutos. Precisamente nas “Lúas de Outono” deste ano ofreceranse tres exemplos diferentes deste xa longo e intenso camiño da música galega:
Miro Casabella como o único dos seis músicos que hai 50 anos estaba alí e que na actualidade segue realizando actuacións.
Uxía, pertencente á xeración seguinte que recolleu aquela testemuña e que na actualidade está na plenitude da súa carreira artística.
Molime, un grupo de moi recente creación que segue a senda trazada xenericamente hai 50 anos pola Nova Canción Galega: música en galego e comprometida con Galiza.
En definitiva, tres exemplos que mostran que hai un fío de continuidade nestes anos de historia musical, un fío que Manuel María axudou a construír.
Na rolda de prensa tamén participaron Xurxo Couto, responsábel de Cultura da Deputación, Xesús Celemín, concelleiro de Cultura do concello da Coruña, Xurxo Souto, encargado de conducir o acto e Saleta Goi, viúva de Manuel María e Presidenta da Fundación Manuel María.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto lembrou que a homenaxe responde á propia traxectoria do poeta, o segundo máis musicado da literatura galega, despois da fundadora Rosalía de Castro. Xesús Celemín mostrouse moi satisfeito de que este acto se realizase na cidade da Coruña onde residiu o poeta nos últimos anos da súa vida. Pola súa parte Xurxo Souto resaltou a importancia da aparición da Nova Canción Galega e o papel que Manuel María desempeñou nese feito histórico. Finalmente Saleta Goi agradeceu a colaboración de artistas e institucións na homenaxe e animou a participar no acto.



Teléfono de contacto: 616190349 (Alberte Ansede)

23 de set. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión