26 de outubro: Día do Dano Cerebral


Redacción.-

O 26 de outubro conmemórase o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, unha efeméride fixada polo Consello de Ministros en 2007 cos obxectivos de visibilizar esta discapacidade e de dar a coñecer as necesidades do colectivo.

O dano cerebral adquirido é unha lesión que se produce nas estruturas cerebrais de forma súbita en persoas que naceron sen dano ningún no cerebro. Polo tanto, a súa principal peculiaridade é o feito de ser, como di o nome, “adquirido”, presentándose repentinamente na vida dunha persoa e rompendo o seu proxecto de vida e o da súa contorna social. Esta lesión pode estar causada por unha enfermidade (ictus, no 78% dos casos, pero tamén tumor cerebral, anoxia, doenza metabólica...) ou por un traumatismo cranioencefálico (motivado por un accidente de coche, laboral, un golpe, unha caída...).

Calcúlase que hai 35.756 persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e que se producen uns 7.000 novos casos cada ano. Unha das reivindicacións das asociacións de dano cerebral é, precisamente, contar cun censo de persoas con esta discapacidade: termos cifras máis fiables coas que sermos quen de calcular cales son en realidade as necesidades de atención das persoas e das familias con esta discapacidade.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) está constituída polas cinco asociacións de referencia en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. En total representa a máis de 1.700 familias de persoas con dano cerebral. As asociacións federadas, que prestan servizos de información, apoio, rehabilitación e inclusión, atenden actualmente a unhas 400 persoas.

Actividades relacionadas coa lectura

O día 25 de outubro o movemento asociativo presentará o seu manifesto reivindicativo, que se fará chegar a todos os medios de comunicación. Mentres, FEGADACE e as súas asociacións convocan ducias de actividades para conmemorar o Día do Dano Cerebral en toda Galicia.

A Federación preparou varias iniciativas culturais a través das que sensibilizar sobre a realidade das persoas con dano cerebral adquirido. O vindeiro 22 de outubro comeza na biblioteca Ánxel Casal de Santiago a exposición fotográfica ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, que compartirá o vestíbulo do centro, ata o 8 de novembro, cunha mostra de libros nos que, dun ou outro modo, se fala desta discapacidade.

A mesma biblioteca vai acoller tamén outras actividades relacionadas coa novela xuvenil Iridium. O día 30 de outubro o seu autor, Francisco Castro, e a neuropsicóloga da asociación Alento, Papu Quiroga, presentan o libro a partir das 19:30. Ademais, os días 23 de outubro e 8 de novembro, dous grupos de persoas usuarias de Sarela organizarán outras tantas sesións de lectura de Iridium.

‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’

En paralelo, FEGADACE está a desenvolver o ciclo ‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’, que pretende ser unha aproximación fílmica á discapacidade e á inclusión. Profesionais das nosas asociacións tratarán, en cada pase, de suscitar debate en torno ás necesidades das persoas con dano cerebral.

Desde a vindeira semana, no Auditorio Afundación da Coruña poderase ver O meu fermoso cerebro roto (My beautiful broken brain. Sophie Robinson & Lotje Sodderland, 2014), o día 22; e Máis alá do espello (Más allá del espejo. Joaquim Jordà, 2006), o día 28. O Auditorio Afundación de Santiago acolle os pases de Máis alá do espello, o día 23; e Anxos sen paraíso (A child is waiting. John Cassavetes, 1963), o 31 de outubro. Todas as sesións comezan ás 19:00.

Información para familiares e persoas con dano cerebral

Por último, continúa o programa de obradoiros sobre o dano cerebral adquirido da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. Baseados na guía Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital, editada este ano por FEGADACE, e impartidos por profesionais das asociacións federadas. Os próximos serán o 22 de outubro en Santiago, o 24 en Lugo, e o día 29 en Vigo.

Amplo programa conmemorativo das asociacións de FEGADACE

ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela sacan tamén á rúa o dano cerebral adquirido para conmemorar o 26 de outubro. Desde o vindeiro luns haberá exposicións, mesas informativas, andainas, obradoiros, e moitas outras actividades. Inclúense como anexo ao presente documento, e tamén se poden consultar nesta ligazón.


***
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral adquirido que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O DCA é unha discapacidade causada principalmente por ictus e accidentes de tráfico que afecta a unhas 35.000 persoas en Galicia.

22 de out. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión