Mauro Trastoy gaña o Díaz Pardo

Redacción. -

O artista de orixe vilalbesa Mauro Trastoy, coa súa obra titulada '7', gañou o XVI certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas da Deputación da Coruña, segundo informa o organismo provincial.

Un xurado composto por Silvia García González, Alberto González-Alegre, David Barro, Almudena Fernández e Manuel Eirís (gañador da edición anterior) escolleu por unanimidade a obra do artista Mauro Trastoy de entre as 20 finalistas que foran seleccionadas do total das presentadas nesta convocatoria.

Da obra, valorou a calidade da obra presentada "e o resultado dunha singular investigación e experimentación con técnicas relacionadas coa trama e a urda e o quefacer artesanal para facer unha pintura sen pintura".

O artista recibirá agora un premio de 6.500 euros e a súa obra participará xunto coas finalistas na exposición itinerante organizada pola Deputación da Coruña que visitará dez concellos da provincia.

13 de nov. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión