Redacción.- O vindeiro venres 13 de decembro terá lugar en Vilalba a
presentación do novo libro do historiador Ramón Villares, que estará acompañado
polo xornalista Moncho Paz e pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro. Será a
partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura da capital chairega.
Galicia. Una nación entre dos mundos (Pasado y Presente, Barcelona, 2019) trata do proceso
histórico polo cal a sociedade galega construiu a súa propia identidade como
unha nación-cultura, identificando os seus antepasados heroicos e a súa
conexión con outras culturas para descubrir, afirmar e recrear a súa propia
personalidade.
Ramón
Villares Paz (Cazás, Xermade, 1951) é catedrático de Historia Contemporánea da
Universidade de Santiago de Compostela desde 1987. Foi decano da Facultade de
Xeografía e Historia no período 1986-1990, reitor da Universidade de Santiago
de Compostela (1990-1994), membro fundador e presidente da Asociación Española
de Historia Contemporánea (1996-2002) e presidente do Consello da Cultura
Galega (2006-2018). Foi director en
Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e dende 2006
é membro numerario da Real Academia Galega. Tamén pertence a varios padroados
de centros e de fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega,
Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros).
É
autor de numerosas publicacións, entre as que destacamos: La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (Siglo XXI
Editores, Madrid, 1982), Foros, frades e
fidalgos. Estudos de historia social de Galicia (Edicións Xerais, Vigo,
1982), Galicia. A Historia (Editorial
Galaxia, Vigo, 1984), Figuras da nación
(Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1997), El
mundo contemporáneo, siglos XIX y XX (Editorial Taurus, Madrid, 2001) ou Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a
educación sentimental dun intelectual galeguista (Fundación Otero
Pedrayo/Real Academia Galega, 2007). Xunto con Javier Moreno Luzón é autor de
Restauración y Dictadura, que se integra na colección Historia de España
(Critica/Marcial Pons) que codirixe con Josep Fontana.
0 comentários :
Danos a túa opinión