Redacción.- Na tarde de onte tivo lugar na Casa da Cultura a
presentación do último libro de Ramón Villares, un acto organizado polo
Concello de Vilalba, coa colaboración do xornal A Voz de Vilalba, e que contou coa
asistencia de case un cento de persoas. Baixo o suxerente título Galicia. Una nación entre dos mundos, o
ensaio trata do proceso histórico polo cal a sociedade galega construiu a súa
propia identidade como unha nación cultural, identificando os seus antepasados
heroicos e a súa conexión con outras culturas para descubrir, afirmar e recrear
a súa propia personalidade.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, foi a encargada de dar
a benvida a Ramón Villares, a quen felicitou publicamente pola consecución do
premio Otero Pedrayo -na súa edición de 2019- apenas vinte e catro horas
despois de darse a coñecer o fallo do xurado. Tras a súa intervención, o
xornalista Moncho Paz ofreceu unhas pinceladas sobre o autor e a obra, destacando
a “dobre nacionalidade chairega” de Villares, “pois naceu una parroquia de
Cazás, que limita cos concellos de Vilalba e Xermade”. No percorrido pola
traxectoria intelectual de Ramón Villares, Moncho Paz destacou que “a cuestión
identitaria está presente en toda a súa obra e, con este libro -a xeito de reflexión-
Villares afronta o reto de entender a
orixinalidade de Galicia como exemplo dunha nación cultural, un concepto que
supera aos de país e de patria, máis vencellados co terreo da intimidade e das
emocións.
A continuación, o historiador falou do concepto nación cultural,
entendido como unha forma de organización histórica e cultural que se orixina a
partir da memoria compartida e escrita ao longo de varias xeracións. “Unha nación cultural defínese por aqueles que senten pertencer
-social e culturalmente- a un grupo ou comunidade e que presenta os tres
elementos dunha nación: unha poboación, un territorio e o exercicio do poder. A
nación cultural pode (ou non) estar organizada por un Estado. E pode (ou non) corresponder
cunha nación política”, puntualizou.
Este texto, escrito dende a madureza intelectual dun historiador, está cheo
de matices e estrutúrase en tres partes: a formación dunha nación-cultura
(fortalezas e debilidades); a busca de antepasados (celtismo e medievalismo) e
a conexión americana (Arxentina, Cuba e Brasil), para incorporar a emigración
ao discurso interpretativo da realidade histórica de Galicia
Unha dilatada traxectoria
como historiador
Ramón Villares Paz (Cazás, Xermade, 1951) é catedrático de
Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no
período 1986-1990, reitor da Universidade de Santiago de Compostela
(1990-1994), membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia
Contemporánea (1996-2002) e presidente do Consello da Cultura Galega
(2006-2018).
Foi director en Galicia da Universidade Internacional
Menéndez Pelayo (1997-2005) e dende 2006 é membro numerario da Real Academia
Galega. Tamén pertence a varios padroados de centros e de fundacións (Museo do
Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de
Arte Contemporánea, entre outros).
É autor de numerosas publicacións, entre as que destacamos: La propiedad de la tierra en Galicia,
1500-1936 (Siglo XXI Editores, Madrid, 1982); Foros, frades e fidalgos. Estudos de historia social de Galicia
(Edicións Xerais, Vigo, 1982); Galicia. A
Historia (Editorial Galaxia, Vigo, 1984); Figuras da nación (Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1997); El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX
(Editorial Taurus, Madrid, 2001); Fuga
e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista
(Fundación Otero Pedrayo/Real Academia Galega, 2007) e Identidade a efectos patrios (Editorial Galaxia, Vigo, 2017), obra que
foi distinguida, o pasado mes de outubro, co premio Mondoñedo 10 ao mellor
ensaio da última década. Xunto con Javier Moreno Luzón, é autor de Restauración y Dictadura, que se integra
na colección Historia de España (Critica/Marcial Pons) que codirixe con Josep
Fontana.
0 comentários :
Danos a túa opinión